CircuitLab: Simulador de electrónica online

Decateime da existencia do editor/simulador de circuítos electrónicos CircuitLab esta mañá a través dun tuit de slandete, así que pouco tempo tiven para fozar nel. Con todo, paréceme unha aplicación estupenda, pois a interface gráfica é moi atractiva e intuitiva, polo que me parece moi axeitada para os niveis de educación secundaria, especialmente para bacharelato.

Neste vídeo podes ver como funciona:
[youtube: Getting Started with CircuitLab]

Como puidestes ver no vídeo, CircuitLab permite construír circuítos analóxicos e dixitais, cambiar os datos dos compoñentes, calcular as tensións de saída para un compoñente determinado ou observar o sinal do osciloscopio. Outro aspecto interesante é que se poden compartir os esquemas co resto de usuarios e usuarias.

Un dos inconvenientes é que a listaxe de compoñentes é limitada, e algúns bótanse moito en falta.

Aquí tes un dos circuítos que veñen de exemplo:

Desde logo que é unha sorte contar con este tipo de aplicacións que se executan desde o navegador, e non andar a depender de instalacións de escritorio deseñadas para un determinado sistema operativo (sexa cal sexa). Lembrádevos por exemplo de Logic-Lab ou de logic.ly dos que falei hai tempo.

Cada vez hai máis aplicacións online para facer de todo. Agora só falta unha aposta clara para mellorar a conectividade dos centros de ensino galegos, moitos cun ancho de banda que provoca desacougo, coma é o noso caso.