Unha verdade incómoda

Documental de Davis Guggenheim e Al Gore “An inconvenient truth” (2006)


www.Tu.tv

Trátase dun documental sobre o quentamento global que, á marxe do toque sensacionalista que ten, paréceme interesante para traballar en educación secundaria dende a perspectiva interdisciplinaria ciencia, tecnoloxía e sociedade e de forma coordinada entre varios departamentos.

E para incentivar o debate, non está de máis presentar a outra versión da historia. Témola neste documental titulado “O gran timo do quentamento global“:

Por unhas razóns u outras, o clima cambia e o planeta contamínase, non o imos negar. Dende o punto de vista da tecnoloxía, parte da solución comprende a eficiencia enerxética, as fontes de enerxía renovables e novas políticas enerxéticas. O desenvolvemento e a dispoñibilidade de novas tecnoloxías enerxéticas limpas son clave para controlar o quecemento global. Unha gran parte da tecnoloxía capaz de inverter os efectos do quentamento global xa existe, pero falta a xeneralización no seu uso. Aínda se están a investigar e a desenvolver novas tecnoloxías á marxe dos intereses económicos e políticos.

Para reflexionar: Dende un punto de vista tecnolóxico, que responsabilidade temos como persoas consumidoras e usuarias de tecnoloxía? Que podemos facer nós individualmente para axudar a reducir o quentamento global? Que políticas tecnolóxicas e económicas cres necesarias?


Afundímonos?

Galiza afundidaQue pasaría se na costa de Galicia segue subindo o nivel do mar na proporción en que o leva facendo os últimos dez mil anos?

Voz Natura ofrécenos un simulador (.kmz) no que podemos visualizar como quedaría a costa galega co paso dos anos (ou máis ben séculos). Necesitas ter instalada a última versión de Google Earth.

Clica aquí e comproba en que ano a túa casa quedaría baixo o mar movendo a liña de tempo que atoparás na marxe superior de google earth.

Supoño que non haberá que tomarse estas imaxes á tremenda, nin afirmar que iso vaia ser así, xa que é imposible facer unha predición a tan longo prazo, e algo de ciencia ficción si que parece, pero non está de máis concienciarse sobre a necesidade de frear o quecemento global do planeta e, por que non?, pasar un bo rato mirando como a nosa casa queda afundida baixo as augas do Atlántico.

Por curiosidade: Baiona desaparece, pero o instituto aguanta en pé!