Pareceume boísima a escultura cinética sonora “Cycloïd-E” de Cod.Act:
[youtube: Cycloïd-E] (Visto no tumblr de Conscientious Redux)
Baixo a etiqueta de “Cod.Act”, André e Michel Décosterd desenvolven producións artísticas (esculturas, instalacións, performances, etc.) que combinan o movemento e o son.
O movemento descrito polo Cycloïd-E recorda ao movemento caótico que realiza o dobre péndulo, pero neste caso non está movido pola acción da forza gravitatoria, senón polo movemento que lle proporciona un motor.
A escultura consiste nunha serie de tubos conectados entre si mediante eixes que permiten a libre rotación entre eles. Un motor central proporciona impulsos que producen o movemento global da estrutura, de xeito que o sistema segue un movemento aleatorio con constantes variacións nas traxectorias e velocidades dos tubos. Un movemento moi lento no brazo pode transformarse nunha rápida rotación dun dos seus segmentos, debido á transferencia de enerxía cinética a través da estrutura.
Para asociar un son ao movemento da escultura utilízanse unha serie de sensores situados nos eixes que unen os distintos segmentos, e que se encargan de recoller os datos de velocidade de cada un, a súa posición, o estado global da estrutura e a densidade das flutuacións. Estes datos son enviados a un ordenador central que se encarga de procesalos e de envíar os sinais resultantes aos altofalantes cos que están equipados os elementos do brazo.
Ademais o espectador percibe resonancias, ritmos, ecos, efecto doppler, etc. que dan unidade e harmonía ao conxunto.
Podes ver máis esculturas sonoras de Cod.Act na súa web