tecnoloxia.org entre os 10 primeiros blogues de educación

bitacorascom.pngNon esperaba este éxito de tecnoloxia.org premios bitacoras.com, pero segundo a II clasificación parcial este blogue está entre os 10 mellores blogues de educación votados polo público.

Quero dar as grazas a todas as persoas que destes o voso voto, e animar a quen aínda non votou para axudar a que tecnoloxia.org non baixe desa posición. Aínda tedes ata o 30 de outubro.

Hai que rexitrarse aquí, e logo votar na categoría de educación.

Polo que vin, Capítulo 0 e tecnoloxia.org son os únicos blogues escritos nunha lingua diferente ao castelán que están entre os primeiros posicionados nas diferentes categorías, e esa lingua é o galego. Dende logo que é un bo apoio á presenza da lingua galega en Internet. Así que un voto tamén para Capítulo 0 na categoría de blogues gastronómicos.


Blogues educativos en Bitacoras.com

bitacorascom.pngHoubo que esperar á quinta edición dos Premios Bitacoras.com para que incluísen unha categoría de Educación.

É algo que sempre me chamou a atención en todos eses eventos blogueiros. Convócanse premios, encontros e mostras organizando a blogosfera en categorías do máis diverso, pero sempre botei en falta unha dedicada aos blogues educativos, presentes en internet dende que existen os blogues, actualizándose cada curso escolar, moitos de moitísima calidade, pero sempre esquecidos no macromundo blogosférico e funcionando en paralelo como conxunto de blogues independente do resto.

Din que a educación ten que saír das paredes das escolas, e que o centro da aprendizaxe está máis alá das actividades estrictamente educativas. Nestes tempos en que se está a empezar a apostar pola “escola2.0” e que moitos profesores e profesoras estamos a meternos de cabeza na rede, é de agradecer que dende un evento como os premios bitácoras.com se recoñeza cunha categoría o traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.

Pois nada, creo que é unha interesante oportunidade mostrar a todo o público o que se está a facer en educación, esquecéndonos deses ámbitos edu-limitados nos que acostumamos a movernos, así que animádevos a votar os blogues educativos que máis vos gusten.

Lembrade que para votar previamente hai que rexistrarse.

Se queredes darlle un voto a tecnoloxia.org aquí tedes a ligazón.

Votar en los Premios Bitacoras.comMedio Oficial Premios Bitacoras

Campaña publicitaria para inventos históricos

Divu*Ciencia pon en marcha o concurso invent-AD, con dúas modalidades, unha destinada ao público en xeral e outra destinada ao alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, no que se buscan eslóganes e anuncios para algúns dos inventos e achados científicos que nunca tiveron campaña de publicitaria e que revolucionaron a sociedade: a penicilina, a roda, o telescopio, o microscopio, a lámpada, a máquina de vapor, o teléfono e o papel.

Propóñense tres categorías de participación: póster, cuña de radio ou anuncio de TV, en calquera das linguas oficiais do Estado.

De todos os proxectos participantes elixiranse tres gañadores, un para cada categoría, que recibirán un premio de 1.500 € a gastar na mellora do equipamento do centro.

O prazo de inscrición e entrega de traballos finaliza o 30 de novembro de 2009.

Tes toda a información e bases da convocatoria en concursoinventad.com

invent-ad.png


V Mostra de proxectos. Tecnoloxía na Rúa.

Vmostradeproxectos.pngA Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, organiza a súa quinta mostra de proxectos “Tecnoloxía na Rúa“, na que se amosarán os prototipos desenvolvidos polo alumnado de tecnoloxía de diversos institutos de Galicia.

Será o vindeiro venres 12 de xuño de 2009 de 17:00 a 19:30 na Praza do Toural, en Santiago de Compostela.

Para o profesorado de tecnoloxía:

Animádevos a asistir e levar os traballos dos vosos alumnos e alumnas. Sen a vosa colaboración a mostra non é posíbel. Tedes que inscribirvos na web de apetega e alí tedes toda a información sobre a organización do evento.

Para o alumnado de Baiona:

Levarei unha selección dos mellores proxectos que estean rematados nesa data. Se queredes asistir debedes convencer aos vosos pais e nais para que vos leven a dar unha volta por Santiago ese día.

Ademais, este xoves día 4 de xuño veñen visitarnos ao insti os nenos e nenas que cursan 6º de primaria, e no departamento de tecnoloxía queremos facer unha exposicón cos vosos traballos. A mostra será no Taller II. Tedes que poñervos as pilas e intentar deixalos funcionando para ese día.

Aquí tes uns vídeos coas mostras de proxectos de edicións anteriores:

Toda a información na web de APETEGA


Conferencia de Richard M. Stallman en Vigo

stallman.jpgRichard M. Stallman, un dos principais referentes no mundo do software libre, estará en Vigo o vindeiro 30 de abril ás 16:00 no Auditorio do Centro Cultural Caixanova para impartir dous relatorios, un sobre o movemento do Software Libre e outro sobre o perigo das patentes.

Este evento organizado polo Máster de Software Libre Caixanova é de entrada libre, aínda que as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse a través dun formulario web.

(Vía: Código Cero)

Actualización:
Estará tamén en Ourense o 29 de Abril de 2009, ás 20:30 no Ateneo (Parque de San Lázaro)