Videocuestionarios

A través do blogue Recursos Educativos atopei a aplicación ESvideo.

Trátase dun servizo que nos permite crear cuestionarios a partir de vídeos e enviar os resultados. Ten o inconveniente de que non permite til, ñ, º, e outros caracteres, pero é moi sinxelo de usar.

Fixen un pequeno cuestionario de proba sobre o motor diésel para ver como funciona o servizo.


[ESvideo: Motor diésel]

Despois de cubrir o cuestionario podedes enviarme o resultado poñendo:

  • Teacher code: tecnoloxia
  • Class ID: O curso. Por exemplo, se es de 4º PDC pon “4PDC”

Paréceme unha interesante aplicación, que seguramente usarei máis adiante.


Código binario en Futurama III

matriz

O código que permite viaxar ao pasado en “Bender’s Big Score” parece a simple vista difícil de memorizar debido a que é unha matriz cadrada de 6 filas e 6 columnas chea de ceros e uns, que fan un total de 36 díxitos binarios.

Pero podemos salvar esta aparente dificultade se nos damos de conta de que esta matriz é simétrica respecto do eixe medio vertical e antisimétrica respecto do eixe medio horizontal (é dicir, simétrica pero transformando os ceros en uns e viceversa) . Polo tanto, só teriamos que memorizar o primeiro cadrante, xa que a partir del pódese reconstruír facilmente toda a matriz:

0 0 1
0 1 0
0 1 1

A tarefa pódese simplificar aínda máis se convertemos estas cifras de binario a decimal, de xeito que o código da viaxe ao pasado non sexa máis ca tres simples números. Cales son?
.
(Información obtida de Bender Bending Rodríguez. Grazas.)

Ver máis anotacións sobre Futurama


Código binario en Futurama II

O número de piso de Bender é o 00100100 (episodio “Eu, Compañeiro de Piso”)

Que número representa en binario?

ver imaxe ampliada en nova ventá
Para ser un número binario chama a atención que teña dous ceros diante. Isto é unha pista para consideralo coma un número de 8 bits (8 cifras binarias). Se os apartamentos están numerados dende o 00000000 até o 11111111, cantos apartamentos hai?

O código ASCII ten o mesmo número de símbolos que habitacións no edificio onde vive Bender. Se cada apartamento o identificamos co seu correspondente carácter ASCII, que símbolo caracteriza o apartamento de Bender?

(Información obtida de Bender Bending Rodríguez. Grazas.)

Ver máis anotacións sobre Futurama


Código binario en Futurama I

No episodio “O Bocinazo” da serie Futurama aparece a cifra binaria 1010011010 reflexada nun espello.

Saberías dicir que cifra é en decimal?

ver imaxe ampliada en nova ventá
.

No cómic “The Bender You Say” aparece un número en binario na matrícula do coche do Demo Robot,esta vez da forma 0110 – 0110 – 0110.

A que número en decimal se refire ?-?-?

ver imaxe ampliada en nova ventá
.

(Información obtida de Bender Bending Rodríguez. Grazas.)

Ver máis anotacións sobre Futurama


Atopa o interruptor

lámpadaAí vai unha proba de enxeño:

Estamos nunha casa de dous pisos. No piso inferior hai tres interruptores e no piso superior hai unha única lámpada de incandescencia.

Debemos descubrir cal dos tres interruptores é o que acende a lámpada tendo en conta que só podemos subir unha única vez ó piso de arriba para comprobar se a lámpada está acesa.

interruptores

Nota: Non podemos saír da casa, non vemos reflexos, non hai unha segunda persoa que nos axude, etc. Só se subimos podemos comprobar se a lámpada está acesa ou non.