Mapas de karnaugh no teu móbil android

Xenial Karn Map! unha aplicación educativa que permite simplificar funcións lóxicas mediante mapas de karnaugh, obter a táboa de verdade elixindo min-terms ou max-terms ou debuxar o seu esquema electrónico.

Pode serlle moi útil ao alumnado para corrixir os exercicios de electrónica dixital, ou se non os pillamos, para usar de chuleta nos exames ;-)

Para un nivel máis avanzado, DSLab UAM ofrécenos ademais outras interesantes aplicacións: Combinational Circuits, con exercicios de electrónica combinacional, e Sequential circuits, con exercicios de electrónica secuencial.

(Atopeino en twitter grazas a Pedro Landín)


Logic Beach

Un polbo está na area da praia de Rodas e vai quedar seco. Axúdao a meterse na auga acertando todos os valores das saídas das portas lóxicas que ves en pantalla. Tes un límite de tempo de 30 segundos. Se fallas, morrerá!

Este pequeno xogo está feito utilizando Scratch, interesantísima plataforma de programación coa que se poden crear facilmente xogos, animacións, historias ou simulacións.

No vindeiro Congreso de Software Libre para Educación (1 e 2 de xullo) presentaremos unha web con material en galego para aprender a programar en Scratch.  Proximamente teredes máis noticias.


Sección de electrónica dixital

Acabo de rematar unha das seccións que tiña pendentes desde hai tempo: Electrónica dixital.

Consta de circuítos, táboas e exercicios interactivos, que espero que sirvan para entender mellor este tema.

O nivel é inicial, para 4º de ESO, aínda que tamén pode ser útil para que o alumnado de Tecnoloxía Industrial II repase os conceptos básicos antes de entrar en profundidades.

Non incluín prácticas nin proxectos de construción reais, xa que neste tema traballamos con simuladores e só facemos algunha práctica básica con portas lóxicas reais como solución a algún problema resolto en clase.

Aproveitei scripts e actividades realizadas hai un par de anos durante a miña colaboración no material de Tecnoloxía do INTEF-CIEDAD, que conta cunha licenza Creative Commons By-NC-SA.

Agardo que vos resulte de utilidade.