LOMCE Versión 3. Insistindo no Tecnocidio

O Ministerio de Educación acaba de aprobar unha terceira versión do seu proxecto de Lei Orgánica de Educación, a LOMCE. Digo “o seu”, porque só é un proxecto defendido por este goberno, pois ten en contra a toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, nais-pais, sindicatos, asociacións, etc. Non é para menos. Trátase dunha lei segregadora, clasista, elitista, antidemocrática, relixiosa, anacrónica, rancia, … podemos seguir e seguir poñendo cualificativos, pero o máis grave de todo é que en absoluto vai solucionar os problemas actuais da educación, ou atreveríame a dicir que máis ben vainos empeorar.

Síntoo, pero agora non vou facer unha análise en profundidade da lei para xustificar por que digo isto. Hai unha chea de persoas que xa o están a facer. Basta buscar en Internet #StopLeyWert, #yoestudieenlapublica ou ler as análises de “Por otra política educativa” para saber de que vai a cousa. Aquí vou centrarme na situación na que vai quedar a Educación Tecnolóxica se se aproba a LOMCE.

Actualmente
LOE
LOMCE Versión 1
09/2012
LOMCE Versión 3
14/02/2013
ESO
Tecnoloxías: Troncal obrigatoria Non aparece a Tecnoloxía dentro das materias troncais ou específicas en ningún dos tres primeiros cursos. En función da regulación establecida polas Administracións Educativas e centros poderá ofertarse a Tecnoloxía nalgún curso
Tecnoloxías: Troncal obrigatoria
Tecnoloxías: Troncal obrigatoria Elixir entre “Deseño e Tecnoloxía” e “Utilización das TIC”
Tecnoloxía e Informática: Materias Troncais opcionais Ensinanzas Académicas:Non aparece a tecnoloxía nin as TIC Ensinanzas Académicas: Non aparece a Tecnoloxía En función da regulación establecida polas Adm. Educativas e centros poderá ofertarse a materia TIC en calquera das opcións anteriores e a Tecnoloxía na vía de ensinanzas académicas.O problema é que hai que escoller entre un total de 10 materias establecidas pola LOMCE máis as ofertadas polas CCAA e centros.
Pódense escoller en calquera vía, orientada ao bacharelato ou á FP Ensinanzas aplicadas: TIC Ensinanzas aplicadas: Pódese escoller a Tecnoloxía, aínda que non é obrigatoria.
Bacharelato
Tecnoloxía Industrial I: Materia de modalidade Desaparece a Tecnoloxía Industrial I Desaparece a modalidade de Ciencias e Tecnoloxía, pasando a chamarse Modalidade de Ciencias. En función da regulación establecida polas Administracións Educativas e centros poderán ofertarse as materias de Tecnoloxía Industrial I e II e TIC I e II entre un total de 13 materias máis as ofertadas polas CCAA e centros.Non é obrigatorio ofertalas en todos os centros.
TIC: Optativa TIC (Optativa)
Tecnoloxía Industrial II: Materia de modalidade Desaparece a Tecnoloxía Industrial II e a Electrotecnia Desaparecen as materias de Tecnoloxía Industrial I e II e Electrotecnia do grupo de materias de modalidade ou troncais.
Electrotecnia: Materia de modalidade

No canto de rectificar, deste o Ministerio de Educación insisten no Tecnocidio.

Non se asegura unha educación tecnolóxica mínima en ningunha das etapas educativas, Primaria, ESO e Bacharelato, quedando esta a expensas da sensibilidade das diferentes Comunidades Autónomas e centros. Iso si, a Relixión non falta en ningún curso :-(
É dicir, poderá haber CCAA e centros nos que o alumnado non teña ningunha hora de Tecnoloxía en toda a súa escolarización.

Descártase o coñecemento da Tecnoloxía en 4º de ESO na vía académica orientada cara o Bacharelato, e elimínase a Tecnoloxía Industrial do grupo das materias troncais do Bacharelato,  ignorando que estas materias ofrecen unha orientación e preparación básica cara os estudos superiores de Enxeñerías e de Formación Profesional Superior das familias técnicas, desoíndo á Universidade que reclama estas ensinanzas mediante múltiples apoios, e provocando unha redución dos coñecementos e competencias necesarias para afrontalos con garantías de éxito.

Non concordo co ministro Wert nas súas recentes declaracións, e penso que o alumnado debe estudar o que lle guste, pero ao contrario do que predica, a LOMCE non axuda moito ás súas expectativas ao eliminar completamente a orientación cara os estudos que teñen maior demanda laboral.

Desde logo que todo isto só conseguirá que este país siga caracterizándose pola súa incultura tecnolóxica, cunha poboación que ignorará o funcionamento de todo o entorno artificial que nos rodea e que desprezará as profesións técnicas, tratadas como actividade de terceira categoría.

A LOMCE representa un Sistema Educativo moi afastado nas necesidades formativas nunha sociedade democrática e tecnoloxicamente avanzada, que debe valorar a Ciencia e a Tecnoloxía como parte fundamental da nosa cultura. Moi lonxe estamos, por desgraza, de conseguir isto … e moitas cousas máis.

Por moitos motivos: Paremos a LOMCE!


A LOMCE reduce drasticamente a tecnoloxía na ESO e elimínaa de 4º e de Bacharelato

O Ministerio de Educación acaba de dar a coñecer o seu anteproxecto de lei educativa. O que temos diante é unha lei completamente anacrónica, antipedagóxica, clasista, segregadora e miles de cualificativos máis. A lei no seu conxunto xa está a ser analizada e criticada por moitas persoas, e supoño que as críticas non pararán de medrar. Eu comparto moitas delas, pero neste blogue falarei do que compete á educación tecnolóxica.

En pleno século XXI redúcese drasticamente a formación tecnolóxica na educación obrigatoria e elimínase de 4º de ESO e de Bacharelato

Actualmente LOMCE
1ºESO 1ºESO Tecnoloxías Troncal obrigatoria
2ºESO Tecnoloxías Troncal obrigatoria 2ºESO
3ºESO Tecnoloxías Troncal obrigatoria 3ºESO Elixir entre “Deseño e Tecnoloxía” e “Utilización das TIC”
4ºESO Tecnoloxía Troncal opcional 4ºESO TIC Ensinanzas aplicadas
Informática Troncal opcional
Pódense escoller en calquera vía, orientada ao bacharelato ou á FP Non aparece a tecnoloxía nas vías orientadas ao bacharelato.
1ºBach Tecnoloxía Industrial I Materia de modalidade na vía de ciencias e enxeñería 1ºBach
TIC Optativa TIC Optativa
2ºBach Tecnoloxía Industrial I Materia de modalidade na vía de ciencias e enxeñería 2ºBach
Electrotecnia Materia de modalidade na vía de ciencias e enxeñería

Que fagan isto só se pode entender desde a perspectiva de quen ten unha profunda incultura tecnolóxica, que non valora como cultura o coñecemento de todo o entorno artificial que nos rodea, que despreza as profesións técnicas e que ten escasa visión sobre as necesidades formativas dunha sociedade do século XXI.

Para comezar, nos primeiros cursos da ESO abórdase o coñecemento tecnolóxico a través dun conxunto de materias inconexas de diferente nome, cando o que se debe facer é introducir a tecnoloxía desde un punto de vista global, no que todas as disciplinas están relacionadas entre si. Trátase de que o alumnado adquira unha mínima cultura tecnolóxica que  lle permita comprender o mundo artificial, as súas características, procesos e a súa repercusión no avance da sociedade. Chama a atención iso de “utilización” das TIC como nome para unha materia, como se as TIC no se usasen, ou coa intención de non abordar os mecanismos que fan posible a súa existencia e que permiten comprender o seu funcionamento. Todo isto paréceme un total despropósito.

Eliminar a tecnoloxía da vía de 4º de ESO orientada cara ó Bacharelato e eliminar a Tecnoloxía Industrial como materia de modalidade para ao alumnado interesado en estudos de enxeñería ou ciclos superiores de FP das ramas tecnolóxicas paréceme unha aberración. Desta maneira non vai ser posible ofrecer unha orientación e preparación cara estes estudos, e provocará unha redución dos coñecementos e competencias necesarias para afrontalos con garantías de éxito.

Actualmente existe a “Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía”, e a LOMCE cambia por “Modalidade de Ciencias”. Non se dan de conta de que eliminando a tecnoloxía a formación científica tamén perde, redúcese e queda limitada a dúas materias. Hoxe en día ciencia e tecnoloxía camiñan xuntas, compleméntanse, e non se pode entender ningunha sen a outra.

Nunha situación de crise como a que estamos a vivir necesítase máis ca nunca xente formada, e se queremos que este sexa un país competitivo e tecnoloxicamente avanzado desprezar a educación en tecnoloxía é o último que se debería facer, pois é un verdadeiro suicidio.

Supoño que falarei máis sobre este alarmante tecnocidio.


V Xornada Monográfica de APETEGA: As redes sociais na educación

O sábado 12 de novembro terá lugar no I.E.S. de Brión a V Xornada monográfica de Apetega, que este ano tratará o tema das redes sociais na Educación.

Contará con dous grandes expertos no tema: Juan José de Haro e Juan Carlos López Ardao, que nos achegarán ao mundo das redes sociais aplicadas ao procesos educativos.

Tedes ata o 5 de novembro para inscribirvos.

Podes consultar máis información na web de apetega

 


Rede social Tecnoprofes

Despois de meses probando diferentes servizos gratuítos que non convencían a ninguén, o profesorado de tecnoloxía volve á súa rede orixinal en ning: Tecnoprofes http://tecnoprofes.ning.com.

Isto é posible grazas a Microlog, que se ofreceu a patrocinarnos.

Agardamos que sexa un recurso de utilidade para todo o profesorado de tecnoloxía.

·
Noutra orde de cousas, veredes que o deseño de tecnoloxia.org está a mudar. Aínda está en obras, polo que poderedes botar en falta alguns contidos, que agardo que estean dispoñibles en pouco tempo.

Bo curso!


Comeza o curso!

Con este post queda inaugurado oficialmente o curso 2010-2011.

Este ano tócame dar clase de Tecnoloxía de 4º de ESO e Tecnoloxía Industrial de 1º e 2º de Bacharelato, completando o horario coa guinda da Atención Educativa, tamén coñecida como alternativa á relixión (Alucinante que no século XXI aínda esteamos así)

Alternativas aparte, agardo que este curso sirva para que comprendades un pouco mellor como funciona este mundo artificial que nos rodea, produto do enxeño das persoas que deseñan e constrúen tecnoloxía.

Imos levarlle a contraria a Arthur C. Clarke cando dixo que “Calquera tecnoloxía suficientemente avanzada é indistinguible da maxia”, porque non é maxia o que sucede dentro de todos eses trebellos, máquinas e sistemas, senón que todo ten unha explicación que intentarei que comprendades, aínda que sexa a un nivel elemental, e que tamén sexades vós capaces de deseñar e construír os vosos propios proxectos tecnolóxicos.

Non vaia ser que pensedes que sucede algo así:
interior-pc.jpg

Deséxovos un bo curso!