Premios Bitácoras 2010

Xa están en marcha os premios Bitácoras 2010, así que invítovos a que votedes por tecnoloxia.org na categoría de educación ou de tecnoloxía. Tedes ata o 22 de outubro.

Clica na imaxe para votar. Na páxina só tes que elixir a categoría (educación) e darlle a un “+” que aparece á dereita. Ao final da páxina hai que introducir un código para confirmar o voto.

A ver se conseguimos clasificar a tecnoloxia.org entre os 10 primeiros blogues educativos como o ano pasado.


Nova rede do profesorado de tecnoloxía en grou.ps

O verán non é a época máis axeitada para andar por unha rede de traballo e fedellar nela, pero o peche das contas gratuítas de ning este mes obríganos a mudarnos xa a outro sitio.

A nova rede do profesorado de tecnoloxía está en http://grou.ps/tecnoprofes/, así que hai que ir abandonando a anterior que tiñamos en http://tecnoprofes.ning.com/

Probáronse varios sitios, e grou.ps é a que nos ofrece posibilidades máis semellantes ás que tiñamos en ning, aparte de poder migrar case todo o contido que alí tiñamos.

Intentouse tamén que o ITE se fixese cargo do aloxamento da nosa rede, pero queren ter só unha rede educativa global como a de Internet en el Aula, e que todas as redes do profesorado funcionen como subgrupos dela. Xa se verá como o fan cando migren a rede aos seus servidores e se introducen un servizo multirede, pero un subgrupo ten moi poucas posibilidades de comunicación e non é o que buscabamos.

Bueno, pasádevos por http://grou.ps/tecnoprofes/ a fochicar e cando comece o curso a ver se lle damos algo de movemento, pois non é o alumnado o único que ten o labor de aprender. O profesorado podemos e debemos formarnos aprendendo do que fan os compañeiros e compañeiras, e ter un lugar onde compartir e intercambiar é fundamental.


VI Escola de verán de Almagro

Estes días ando na VI Escola de Verán de Almagro, en Ciudad Real, que este ano leva o título “Claves do éxito para a integración educativa das TIC nas escolas 2.0

Invitáronme para participar como ponente no Ámbito II: “Educación na nube, integración da web 2.0 no ámbito científico-tecnolóxico”, así que aquí tedes a miña presentación, por se vos interesa, que intenta recuperar e difundir o traballo por proxectos.

[Almagro2010]

Estamos ante un novo paradigma educativo: O plan “Escola 2.0” ou en Galicia chamado “Abalar”. Fálase de novos métodos de ensinanza e de achegar a escola á realidade actual na que os ordenadores e internet están omnipresentes. Sen embargo non vexo nada claro que o feito de entregar portátiles e encher os centros con encerados dixitais supoña un cambio metodolóxico ou unha mellora da calidade educativa.

Unha clase maxistral na que se utiliza un encerado dixital e un libro de texto dixitalizado en PDF non ten nada de 2.0, e tampouco aporta nada novo á educación.

2.0 significa traballar de forma activa e participativa, colaborar, aportar, interaccionar, discutir, tomar decisións, crear, … e o traballo por proxectos cumpre con esa filosofía, pois trátase dun proceso de creación práctica, activa e colaborativa.

Os ordenadores deben estar presentes nas aulas e deben utilizarse continuamente, pero por si mesmos non van cambiar nada a non ser que asumamos utilizar outro tipo de dinámicas e métodos de ensinanza diferentes aos tradicionais.


IV Premio Espiral Edublogs 2010

IVpremioEspiralEdublogs100.jpgXa comezou a cuarta edición do Premio Espiral Edublogs10, convocado pola Asociación Espiral, Educación e Tecnoloxía.

Con estes premios preténdese:

  • Valorar a importancia e repercusión dos blogues na educación.
  • Recoñecer o traballo do profesorado na rede demostrando a súa utilidade pedagóxica.
  • Servir de escaparate motivador dunha corrente educativa dentro do blogomillo.
  • Favorecer canles de opinión e debate.

Xa presentei o meu blogue tecnoloxia.org ao concurso. Se queres podes deixar alí unha mensaxe de apoio.

Se es profesora ou profesor e tes un blogue, anímate a presentalo. Máis alá dos premios, que son o de menos, o máis importante desta iniciativa é a difusión que se fai dos blogues educativos, e que se lle dea visibilidade ao traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.

Máis información: http://edublogs10.ciberespiral.org


Computopías. Visión futurista da escola

En 1969, a revista Shonen Domingo incluíu unha serie de artigos ilustrados titulado “computopías” e que describe a vida nun futuro impregnado de computadoras.

Fixádevos como imaxina o futuro nunha aula dun colexio: (clica na imaxe para ampliala)

computopia_1.jpg

“O nacemento da escola informatizada”, ilustrado por Shigeru Komatsuzaki, imaxina o interior dunha aula do futuro, onde a profesora é unha imaxe nunha pantalla e o alumnado séntase nuns pupitres equipados con ordenadores. Cando a mestra presenta un problema, os estudantes deben resolvelo na pantalla utilizando un punteiro, e se a resposta é incorrecta deben corrixilo ata que o equipo indique que é correcto.

Coa finalidade de manter a orde, a aula está equipada con robots vixiantes que se encargan de castigar a quen estea distraído dándolle na testa cunha bola articulada. Pero non só están os robots, tamén hai un mecanismo no teito que se activa cando alguén non está traballando.

Fixádevos na cantidade de trebellos que se atopan na aula, polas paredes. Moita tecnoloxía, pero ben utilizada? Xa falei disto nun antigo post: “A escola do futuro

Aínda que ter un robot na aula á nosa disposición non estaría nada mal. Deixaríalle o mecanismo para dar labazadas, por exemplo, cada vez que alguén faga un curtocircuíto nas prácticas ;-) aínda que engadindo funcións de repartir e recoller o material, o que nos aforraría bastante tempo e traballo.

Podes ver máis ilustracións da serie en pinktentacle.com.

(Vía @alpoma)