tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

tecnoloxia.org entre os 10 primeiros blogues de educación

bitacorascom.pngNon esperaba este éxito de tecnoloxia.org premios bitacoras.com, pero segundo a II clasificación parcial este blogue está entre os 10 mellores blogues de educación votados polo público.

Quero dar as grazas a todas as persoas que destes o voso voto, e animar a quen aínda non votou para axudar a que tecnoloxia.org non baixe desa posición. Aínda tedes ata o 30 de outubro.

Hai que rexitrarse aquí, e logo votar na categoría de educación.

Polo que vin, Capítulo 0 e tecnoloxia.org son os únicos blogues escritos nunha lingua diferente ao castelán que están entre os primeiros posicionados nas diferentes categorías, e esa lingua é o galego. Dende logo que é un bo apoio á presenza da lingua galega en Internet. Así que un voto tamén para Capítulo 0 na categoría de blogues gastronómicos.…

Blogues educativos en Bitacoras.com

bitacorascom.pngHoubo que esperar á quinta edición dos Premios Bitacoras.com para que incluísen unha categoría de Educación.

É algo que sempre me chamou a atención en todos eses eventos blogueiros. Convócanse premios, encontros e mostras organizando a blogosfera en categorías do máis diverso, pero sempre botei en falta unha dedicada aos blogues educativos, presentes en internet dende que existen os blogues, actualizándose cada curso escolar, moitos de moitísima calidade, pero sempre esquecidos no macromundo blogosférico e funcionando en paralelo como conxunto de blogues independente do resto.

Din que a educación ten que saír das paredes das escolas, e que o centro da aprendizaxe está máis alá das actividades estrictamente educativas. Nestes tempos en que se está a empezar a apostar pola “escola2.0” e que moitos profesores e profesoras estamos a meternos de cabeza na rede, é de agradecer que dende un evento como os premios bitácoras.com se recoñeza cunha categoría o traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.

Pois nada, creo que é unha interesante oportunidade mostrar a todo o público o que se está a facer en educación, esquecéndonos deses ámbitos edu-limitados nos que acostumamos a movernos, así que animádevos a votar os blogues educativos que máis vos gusten.

Lembrade que para votar previamente hai que rexistrarse.

Se queredes darlle un voto a tecnoloxia.org aquí tedes a ligazón.

Votar en los Premios Bitacoras.comMedio Oficial Premios Bitacoras

2 alumnos/as por ordenador

Cando leo na prensa iso de que os centros de ensino terán un ordenador por cada dous alumnos/as imaxínome algo así en tódalas aulas:

1 ordenador /2 alumnos-as

Estarei imaxinándome algo diferente ó que contan os políticos? Témome que si.

Bueno, aproveito para darvos a coñecer unha WebQuest de Carlos Morales chamada ¡Cambiemos as nosas aulas!, cuxa tarefa é:

Empezou a conta atrás… As aulas do século XXI estannos esperando! Como logralo? Pois convencendo ás autoridades de que a informatización de tódalas aulas é económica, moral e tecnicamente viable se usamos Software Libre.…

A escola do futuro

A imaxe que ves foi realizada en 1899 polo debuxante francés Jean-Marc Cotê, e nela imaxinábase a escola no ano 2000. Os libros introdúcense nunha máquina trituradora, e a información contida neles convértese en impulsos eléctricos que se transmiten por medio de cables ata os auriculares que cada alumno ten postos.

imaxinando a escola no ano 2000

Esta imaxe dende logo que está moi afastada da realidade actual nas aulas, pero só no referente á tecnoloxía utilizada. Desgraciadamente hoxe en día, e en case tódalas materias, séguese a ver un proceso ensinanza-aprendizaxe moi similar ó de esta imaxe: o alumnado actúa unicamente como receptor pasivo de información, e o profesor, sentado, dicta os contidos que os alumnos e alumnas deben almacenar no seu cerebro.

Hoxe podemos ter ordenadores, encerados dixitais, canóns proxectores, PDAs, e infinidade de ferramentas e aplicacións para traballar en rede, pero se non hai un cambio de metodoloxía, a escola segue sendo a mesma que na época do debuxante, cambiando a trituradora por un ordenador e un canón proxector.

Prefiro esta imaxe dunha aula de tecnoloxía nun instituto, na que o alumnado participa de forma activa no proceso de aprendizaxe construíndo, analizando, investigando, planificando, buscando información, …

aula de tecnoloxía

O que me parece triste é saber que nalgunhas aulas de tecnoloxía non se ve isto, senón ó alumnado sentado diante dun libro de texto cos seus pupitres colocados en filas individuais.

As razóns para non facer traballos prácticos poden ser moi variadas, pero aínda que todo estea en contra, os esforzos do profesorado deben ir na dirección de adoptar unha metodoloxía práctica e activa, e a Administración debe poñer as condicións necesarias para que iso sexa posíbel:

  • Reducir a ratio ou establecer desdobres. Resulta case imposíbel utilizar unha metodoloxía práctica e activa con grupos de 30 alumnos e alumnas.
  • Actualizar as dotacións das aulas de tecnoloxía, pois co material que proporciona a Consellería o que podemos explicar é historia da tecnoloxía, ata o século XIX. Pouco máis. Por que en Galicia non hai unha dotación para os contidos de control e robótica? Por que hai aulas de tecnoloxía sen ordenadores?
  • Realizar unha oferta de cursos de formación do profesorado ampla, con contidos útiles, prácticos, variados e aplicables na aula. A formación do profesorado en Galicia é lamentable, e no caso da especialidade de tecnoloxía, practicamente inexistente. Menos mal que temos as Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA para poder actualizarnos.
  • Apoiar a área de tecnoloxía. Cada vez que hai un cambio lexislativo, e xa van varios seguidos, hai unha redución horaria, un desprezo explícito ó ensino da tecnoloxía, o cal provoca unha tremenda desmotivación do profesorado.

A situación non axuda, pero non toda a responsabilidade é da administración. O profesorado debemos deixar de soñar con que o alumnado teña un conector USB polo que transmitirlle a información, e debemos poñernos a investigar en metodoloxías máis eficaces e adaptadas á realidade actual. Propoño empezar metendo os libros de texto nunha máquina trituradora, deixando unicamente uns poucos como material de consulta.…