Cando as mochilas nos persigan

Comezou o curso en Educación Secundaria, e a primeira imaxe que se ve é a dunha morea de rapaces e rapazas con pesadas mochilas ao lombo. Pode ser que isto deixe de verse dentro duns anos, xa sexa porque unicamente fará falta levar a clase unha tableta electrónica ou porque evolucionen as mochilas na dirección que marca este invento de Rodrigo García: Hop, a maleta que anda soa.

Trátase dunha maleta capaz de seguir a unha persoa 80 cm por detrás. Oriéntase grazas a unha serie de receptores capaces de recibir os sinais que lle chegan desde o móbil do usuario ou usuaria. Unha tarxeta arduino interpreta estes sinais obtendo a posición do teléfono respecto á maleta, e envía ordes precisas a un sistema de tracción de eiruga que lle permite salvar obstáculos e subir escaleiras.

[hop! the following suitcase from rodrigo garcía on Vimeo.]

Aínda falta moito para perfeccionar este sistema e non sei se nun futuro terá saída comercial. Eu desde logo que no caso dos centros de ensino aposto pola utilización de dispositivos electrónicos e abandonar o papel, polo menos no que se refire ao material de consulta, titoriais e lecturas, pero neste sentido creo que aínda queda moito por andar, pois cómpre un cambio de mentalidade nas e nos docentes con respecto ás tecnoloxías móbiles e persoais.