Calculadora para LEDs

LEDA tensión en bornes dun LED non debe exceder nunca de 1,6V ou 2,2V (depende do tipo de LED) nin pode circular una intensidade maior de 20 mA. En caso contrario quéimase.

Como na maior parte das montaxes utilízase unha tensión maior, esta diferencia de potencial débese reducir coa axuda dunha resistencia colocada en serie. O valor desa resistencia pódese calcular mediante a expresión:
R + LED

Pero se non queremos facer o cálculos a man, podemos facelos on-line dende a páxina “Current Limiting Resistor Calculator for Leds“. (Grazas Iván)

Debemos seleccionar as características dos LEDs que utilizamos, a tensión de traballo, e mediante unha aplicación javascript calcúlanos a resistencia que debemos conectar no circuíto e outros parámetros.

Podemos seleccionar tamén montaxes de LEDs en serie e en paralelo.

calculoleds.png


Aniversario en binario

Cando xa imos cumprindo anos resulta difícil atopar velas suficientes para o pastel.

Unha opción interesante é poñer as velas en binario. Dese xeito, con poucas velas podemos celebrar os aniversarios de toda a familia.

binarybirthday.jpg

Lembra o que estudiamos en electrónica dixital e contesta: Cantos anos cumpre a persoa da tarta?

(Vía: Evil Mad Scientist Laboratories)


As pechaduras

O noso compañeiro Fernando Ruiz amósanos a través dun foro do profesorado de tecnoloxía dúas interesantes fotografías que sacou en Yemen. Trátase dunhas antigas pechaduras que funcionan mediante un sistema de pernos, e que nos recordan aos sistemas actuais. (Clica nas imaxes para amplialas)

chave_yemen1_peq.jpg

chave_yemen2_peq.jpg

As pechaduras mecánicas tradicionais teñen dous elementos importantes, os pernos, e os contrapernos, de xeito que cando tódolos pernos quedan á mesma altura crean unha liña que fai posíbel que o tambor vire e podamos abrir a porta. Cada pechadura que utiliza este sistema só pode ser aberta por unha forma de chave determinada.

chave1.png
En moitos sitios utilízase unha chave mestra, coma no instituto ou nos hoteis. Como é posíbel que unha única chave poda abrir pechaduras diferentes? (fonte: cyrusnet)

Para que unha pechadura poida ser aberta con máis dunha chave necesitamos que se poida crear máis dunha liña, engadindo entre os pernos e contrapernos unhas pezas chamadas espaciadores.

chave2.pngchave3.png

Dese xeito pódese formar máis dunha liña. Por exemplo, unha chave abriría a pechadura pola liña superior deixando o espaciador por baixo, e outra chave abriría a pechadura pola liña inferior, deixando o espaciador por riba.

Agora supoñamos que temos dúas pechaduras con 5 pernos cada unha, a primeria cun espaciador no primeiro perno, e a segunda cun espaciador no terceiro perno.

Temos tamén tres chaves, unha chave mestra que pode abrir dúas pechaduras, e outras dúas chaves que só poden abrir unha pechadura cada unha.

Cada val da chave pode ter, por exemplo, 9 alturas. Supoñamos as seguintes alturas para as nosas chaves:

  • Chave1: 3-4-8-4-3
  • Chave2: 7-4-3-4-3
  • Mestra: 7-4-8-4-3

A pechadura 1, con espaciador no primeiro perno, podería abrirse coa chave 1 e coa mestra. A chave 2 non podería abrila xa que quedaría bloqueado o terceiro perno.

A pechadura 2, con espaciador no terceiro perno, podería abrirse coa chave 2 e coa mestra. A chave 1 quedaría bloqueada no primeiro perno.

Hai moitos outros sistemas para as pechaduras que funcionan mediante dispositivos electrónicos, pero ese será outro capítulo.

Unha proposta de proxecto de electrónica dixital pode ser a fabricación dunha pechadura utilizando portas lóxicas e un solenoide, de xeito tal que a saída se efectúe unicamente coa combinación de fechos axeitada. Tes a explicación no arquivo ZIP Bloqueo de fecho codificado“, que foi presentado nas VII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia.

chave4.png

Actualización 2/12/2008:
Hoxe atopei unha páxina cun proxecto de construción dunha pechadura de plástico:
Tumbler, key, and case.

Actualización 04/02/2013:
Un vídeo do funcionamento das pechaduras convencionais:
[youtube: How locks work – Animation]


Sinal de reloxo cun relé

rele_clock.gifEste é un circuíto sinxelo cun relé que pódenos servir como indicador intermitente, ou como sinal de reloxo.

O funcionamento é moi simple: Cando o relé está apagado, acéndese automaticamente, xa que o contacto normalmente pechado (posición inicial) está conectado a un dos contactos da bobina, polo que aliméntase o relé. Unha vez aceso deixa de alimentarse a bobina, polo que se desconecta e o ciclo comeza de novo.

É unha maneira moi pouco ortodoxa de montar un circuíto intermitente ou un reloxo para circuítos dixitais, pero pareceume curioso polo sinxelo que resulta.

Entre os seu inconvenientes temos:

  • O período depende do modelo de relé e do fabricante, polo que non é posíbel predecir a frecuencia de conmutación.
  • Tampouco sabemos que porcentaxe do sinal está en 0 e cal en 1. Os períodos nos niveis alto e baixo non teñen por que ser iguais, e isto tamén dependerá do relé.
  • O “tictictictictic” da conmutación pode rompernos a cabeza.

Así que non é máis ca unha curiosidade.

Anque resulte máis lioso de montar, para lograr a intermitencia, funciona mellor se o facemos co temporizador 555 en funcionamento astable, máis que nada porque podemos controlar a frecuencia e os tempos.