Enxeñeiros e enxeñeiras por un día

enxenheirosporundia.jpgO vindeiro martes 16 de novembro o alumnado de Tecnoloxía de 4º de ESO e Tecnoloxía Industrial de Bacharelato asistiredes á actividade “Enxeñeiros por un día” organizada por Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia e que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

A actividade consiste na realización dunha serie de obradoiros prácticos, como montar emisores e receptores FM e outros, sistemas de visión en 3D, criptografía, etc.

Os obxectivos que se pretenden, segundo a información de Gradiant, son facer accesible a tecnoloxía e alentar novas vocacións de enxeñeiros e enxeñeiras.

Espero que vos guste!


Un mundo sen enxeñeiros nin enxeñeiras

Todo o mundo artificial que nos rodea e que usamos tódolos días foi deseñado dalgunha forma. Detrás de todas esas cousas está a enxeñería.

Na profesión da enxeñería, as persoas utilizan a súa imaxinación e capacidade analítica para inventar, deseñar e construír cousas, físicas ou virtuais, que solucionen problemas. Mediante solucións creativas e prácticas, os enxeñeiros e enxeñeiras están a cambiar o mundo constantemente. Transforman as ideas en realidade.

O campo da enxeñaría é moi variado. Algúns exemplos de actividade son deseñar e construír as superestructuras ou delicados instrumentos médicos, as novas formas de aproveitamento e transformación da enerxía, as misións espaciais, os controis ambientais dun museo de arte, o control do tráfico, o deseño de teléfonos móbiles máis pequenos e con máis prestacións, e un longo etcétera.

Imaxínaste un mundo sen enxeñeiros e enxeñeiras? Bótalle unha ollada a estas viñetas:
[ver en slidemypics]

Grazas a Tecnotic, atopamos a serie “World Without Engineers“, unha serie de viñetas creadas por Rand Kruback para Agilent Technologies. Se che gustan pódelas descargar en varias resolucións dende a súa web.