V Mostra de proxectos. Tecnoloxía na Rúa.

Vmostradeproxectos.pngA Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, organiza a súa quinta mostra de proxectos “Tecnoloxía na Rúa“, na que se amosarán os prototipos desenvolvidos polo alumnado de tecnoloxía de diversos institutos de Galicia.

Será o vindeiro venres 12 de xuño de 2009 de 17:00 a 19:30 na Praza do Toural, en Santiago de Compostela.

Para o profesorado de tecnoloxía:

Animádevos a asistir e levar os traballos dos vosos alumnos e alumnas. Sen a vosa colaboración a mostra non é posíbel. Tedes que inscribirvos na web de apetega e alí tedes toda a información sobre a organización do evento.

Para o alumnado de Baiona:

Levarei unha selección dos mellores proxectos que estean rematados nesa data. Se queredes asistir debedes convencer aos vosos pais e nais para que vos leven a dar unha volta por Santiago ese día.

Ademais, este xoves día 4 de xuño veñen visitarnos ao insti os nenos e nenas que cursan 6º de primaria, e no departamento de tecnoloxía queremos facer unha exposicón cos vosos traballos. A mostra será no Taller II. Tedes que poñervos as pilas e intentar deixalos funcionando para ese día.

Aquí tes uns vídeos coas mostras de proxectos de edicións anteriores:

Toda a información na web de APETEGA


Deseño industrial

desenho_industrial2.jpgSegundo a wikipedia, denomínase deseño industrial á actividade humana ligada á creación, desenvolvemento e humanización dos produtos industriais, que busca resolver as relacións formais-funcionais dos obxectos susceptibles de ser producidos industrialmente, mediante unha expresión creativa e progresista que considera a función, estética e os materiais.

Calquera obxecto que teñas no teu entorno, dende o máis simple ata o máis complexo, foi deseñado por un equipo de persoas que tiveron en conta a súa funcionalidade, estética, ergonomía, estudos de mercado, culturais, etc. En moitas ocasións cómpre o traballo conxunto entre distintas especialidades da enxeñería (deseño, electricidade, electrónica, materiais, mecánica, sistemas, industrial, …) para que unha idea se faga realidade e se transforme nun produto no mercado.

desenho_industrial4.jpgEn relación a isto, até o 3 maio está na Fundación Pedro Barrié de la Maza, en Vigo, a exposición “Deseño Holandés. Na rúa como na casa“, unha ampla mostra do deseño holandés máis contemporáneo e innovador.

A interacción das persoas cos obxectos, a procura de solucións eficaces a problemas de tódolos días, a necesidade de atopar materiais que non sexan agresivos para o medio ambiente, a utilización de referencias á natureza no mobiliario particular e a relación entre o entorno doméstico e o urbano son algúns dos alicerces sobre os que se sostén esta exposición.
A min gustoume.

desenho_industrial3.jpg

Ligazóns relacionadas:

Na Fundación Pedro Barrié de la Maza organizan actividades didácticas para escolares.

En soitu.es tes unha galería con algúns dos obxectos expostos que se poden atopar polas rúas holandesas.

Se queres saber máis sobre os estudos de Enxeñería Técnica en Deseño Industrial podes consultar na web da Universidade da Coruña .


Arte e tecnoloxía

Na antigüidade non había separación entre arte e tecnoloxía, e un exemplo moi claro é o traballo de Leonardo da Vinci, pero despois, especialmente durante o século XIX, concíbense a arte e a tecnoloxía como dúas culturas completamente separadas, sen conexións entre si. Incluso chega a descartarse a tecnoloxía cando se fala do concepto de cultura.

Escola Bauhaus. Cadeira WasilliA partir do século XX comezan a aparecer movementos artísticos que comezan a integrar a práctica artística e tecnolóxica, inspirándose ou explotando nas súas obras a tecnoloxía xurdida da industrialización. Un dos movementos máis significativos neste proceso de integración foi a escola Bauhaus (ler máis), que a principios do século XX estendeu a arte á vida cotiá e á industria, promovendo o valor e o desenvolvemento do deseño industrial, unha disciplina na que, como na arquitectura, conviven sen problemas os criterios artísticos e técnicos.

A mediados do século XX nace a arte cinética (ler máis), que empeza a integrar sistemas mecánicos nas obras de arte, e a partir dos anos 60 os intentos de síntese entre arte e tecnoloxía fóronse estendendo e multiplicando, proceso que se fixo imparable coa emerxencia das tecnoloxías audiovisuais e da comunicación.

Hoxe en día a fronteira entre arte e tecnoloxía desaparece en cada intervención artística de vangarda. Un exemplo diso é a exposición Máquinas & Almas (ler máis) que se exhibe no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en Madrid, que amósanos o dualismo arte-tecnoloxía a través do traballo con robótica, mecánica ou software de artistas como Theo Jansen e a súas criaturas mecánicas, Sachiko Kodama e as súas esculturas con ferrofluídos, Chico MacMurtrie e os seus robots antropomórficos ou abstractos, o físico Paul Friedlander e as súas esculturas de luz ou Daniel Rozin cos seus espellos mecánicos.

[Ver en SlideMyPicks]

A mostra, lonxe da concepción da tecnoloxía como elemento deshumanizador, amósanos a tecnoloxía como sistema que nace da propia humanidade, e a través da cal nos expresamos, sentimos e creamos. Se facedes unha escapada por Madrid no vola perdades.

Falando agora do ámbito educativo, hoxe en día aínda se concibe a tecnoloxía como actividade menor polas elites culturais, dificultándose con cada reforma educativa a correcta integración dos coñecementos tecnolóxicos na cultura que se transfire ao alumnado dende a escola.

A unión entre arte e tecnoloxía pode ser a punta de lanza que chame a atención sobre a necesidade de valorar a tecnoloxía como medio de expresión da sociedade, en tódalas facetas e non só a artística, e axude a salvar a inmensa distancia que separa a a ciencia e a tecnoloxía das humanidades nos currículos da educación secundaria. Se entendemos as humanidades como o conxunto de disciplinas relacionadas co coñecemento humano e a cultura, deixar á marxe á tecnoloxía é negar que a tecnoloxía forma parte da cultura, o cal constitúe un erro educativo máis.


Dos ábacos aos computadores

UNIVAC 1130Exposición en Vigo: Un paseo pola historia da matemática na mostra didáctica “Dos ábacos aos computadores”

  • Lugar: Sala de Exposicións I do Centro Social Caixanova. Vigo.
  • Horario: De luns a venres: de 18.00 a 21.30 horas.
    Sábados, domingos e festivos: de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.30 horas.
  • Datas: Ata o 24/08/2008

“Dos ábacos aos computadores” é unha mostra de carácter didáctico que pretende achegar ao visitante ao proceso evolutivo, que abarca desde os sistemas de cálculo das culturas orientais, grecorromanas e islámicas e o progreso no cálculo matemático na Idade Moderna, ata a aparición no século XX da informática.

A exposición pretende presentar diacrónicamente a evolución do cálculo ata a chegada da informática, e facer fincapé na instrumentación actual para intentar mostrar como pode ser o futuro.

O visitante coñecerá de primeira mano máquinas como o primeiro UNIVAC 1130 da USC, as perforadoras de cartóns, as primeiras memorias electrónicas e aparellos de cálculos diversos, ademais dos compoñentes dos computadores.

(Fonte: axenda cultural de Vigo)