Xa rematou o mundial de fútbol, pero no mesmo Brasil comeza o 19 deste mes outro torneo máis importante desde o punto de vista tecnolóxico: RoboCup 2014.
A RoboCup foi fundada en 1997 co principal obxectivo de “desenvolver ata 2050 un equipo de Fútbol de Robots capaz de gañar ao equipo humano campión do Mundial da FIFA“.
Desde logo que o reto é ambicioso, pero non pensedes que a única motivación é gañar un simple partido entre robots e humanos, por complicado que sexa, senón que detrás de todo isto está o interese por estimular a investigación e o desenvolvemento dunha ampla gama de tecnoloxías que permitan aos robots actuar de forma autónoma e coordinada: Integración entre electrónica, mecánica e informática, intelixencia artificial, aprendizaxe e toma de decisións, desenvolvemento de sensores, procesamento de imaxe en tempo real, recoñecemento de patróns, coordinación e comunicación entre robots, etc.
A RoboCup hoxe en día abrangue outras ligas amais da do fútbol: A RoboCup Rescue promove o desenvolvemento de robots capaces de intervir en situacións de desastre ou nun ambiente hostil, na RoboCup Home os robots deben saber desenvolverse en escenarios realistas e cotiáns, como o ámbito doméstico, a RoboCup Work promove a investigación e desenvolvemento de robots para aplicacións industriais, a RoboCup Logistics ten coma obxectivo desenvolver sistemas de robots auto-organizados que sexan capaces de resolver problemas de procesamento, transporte e distribución de pedidos, e non pode faltar a RoboCup Junior, unha iniciativa cuxa finalidade é achegar a robótica a estudantes de educación primaria e secundaria.
Nestes vídeos podedes ver en que consiste a competición:
Vídeo promocional RoboCup Brazil:
[youtube:RoboCup Overview]
Vídeo promocional da anterior edición de 2013:
[youtube:RoboCup 2013 Trailer ]
Este cóntanos a historia das competicións de fútbol entre 1997 e 2011
[youtube:RoboCup Robot Soccer History 1997 — 2011]