Matemáticas co buscador de google

O buscador de google é, sen dúbida algunha, a máis eficaz ferramenta para facer procuras na web e atopar facilmente o que queremos. Pero non serve unicamente para iso. Sabías que o buscador de google funciona tamén como calculadora? Sabías que podemos utilizalo para a representación gráfica de funcións matemáticas? Sabías que con el podemos converter unidades?

Calculadora:

Para utilizalo como calculadora non hai máis que escribir na caixa de texto a operación que desexamos realizar e o resultado aparecerá ao darlle a buscar.

Os símbolos básicos con a suma +, resta -, multiplicación * e división /, pero hai outros:

Número “e” e e*1 = 2.71 Logaritmo base 10 log(nº) log(10) = 1
Número “pi” π pi 2*pi*4 = 25,13 Logaritmo neperiano ln(nº) ln(10) = 2.302
Exponencial ^  2^3 = 23= 8 Seno sin(nºrad) sin(pi/2)=1
Raíz cadrada sqrt(nº)  sqrt(2) = √2 Coseno cos(nºrad) cos(pi/2)=0
Factorial !(nº)  !4= 4·3·2·1 = 24 Tanxente tan(nºrad) tan(pi)=0

Podemos, ademais, utilizar diversas constantes físicas: G (gravitación universal), h (Planck), c (velocidade da luz no baleiro), etc.
 

Representación gráfica de funcións:

Unha das novidades máis recentes do buscador google é que permite a representación gráfica de funcións. Só temos que introducir a función que desexamos visualizar na caixa de texto do buscador e clicar en buscar.

Por exemplo, se introducimos sin(2e^x) o resultado é unha gráfica que podemos mover, ampliar e reducir. Ademais, vainos dicir as coordenadas do punto no que estea o cursor.

Tamén podemos debuxar varias funcións na mesma gráfica. Temos que escribilas separadas por unha coma e aparecerán representadas cada unha nunha cor diferente.


 

Conversor de unidades

Para utilizar o buscador de google como conversor de unidades temos que escribir o nome das unidades en inglés e separalas por “in” ou “to”.

  • 90 km/h to m/s → 25 meters/second
  • 30 Celsius in Fahrenheit → 86 degrees Fahrenheit
  • 5000 cal to J → 20 920 joules
  • 15 in to cm → 38.1 centimeters (in=polgada)

 

Conversor de sistemas de numeración

Tamén podemos utilizar o buscador para pasar dun sistema de numeración a outro.
Se o número que queremos converter está en binario hai que lle poñer “0b” diante, e se está en hexadecimal “0x”.

  • 45 in binary → 0b101101
  • 216 to hexadecimal → 0xD8
  • 0b1001 to decimal → 9
  • 0xf2 to decimal → 242
  • 2011 in roman numerals → MMXI

 

Realmente hai moitas máis cousas que podes facer co buscador de google. Bótalle unha ollada a esta páxina.


Google non é unha fonte

Profe- Onde atopaches a información para elaborar o teu traballo?
Alumno/a – En google!

Máis dunha vez atopeime con isto. Google non é unha fonte, e tampouco é internet, nin un navegador, nin o único buscador. É certo que moitos e moitas de nós temos google como páxina principal do navegador e recorremos a el para calquera procura de información na rede, pero a información non nola ofrece google, senón as páxinas ás que nos dirixe. Axúdanos a buscar, pero non responde ás nosas preguntas, non é a fonte de información.

Buscando algún exemplo (con axuda de google) para explicar isto na clase, atopei unha tira de banda deseñada moi interesante (grazas deakialli)

12
Merv: – Axudarasme co meu ensaio?
Dewey: – Cal é o problema?
Merv: – Ó meu profesor non lle gustan as citas.
Dewey: – “Google! Google! Google! “. Google non é unha fonte. É como un bibliotecario: Indicámoste as fontes. Pero non contestamos ás túas preguntas.
Merv: – (decepcionado) Seguro que non.

Tamén podes ver unha versión da tira cómica en galego
versión en galego


Afundímonos?

Galiza afundidaQue pasaría se na costa de Galicia segue subindo o nivel do mar na proporción en que o leva facendo os últimos dez mil anos?

Voz Natura ofrécenos un simulador (.kmz) no que podemos visualizar como quedaría a costa galega co paso dos anos (ou máis ben séculos). Necesitas ter instalada a última versión de Google Earth.

Clica aquí e comproba en que ano a túa casa quedaría baixo o mar movendo a liña de tempo que atoparás na marxe superior de google earth.

Supoño que non haberá que tomarse estas imaxes á tremenda, nin afirmar que iso vaia ser así, xa que é imposible facer unha predición a tan longo prazo, e algo de ciencia ficción si que parece, pero non está de máis concienciarse sobre a necesidade de frear o quecemento global do planeta e, por que non?, pasar un bo rato mirando como a nosa casa queda afundida baixo as augas do Atlántico.

Por curiosidade: Baiona desaparece, pero o instituto aguanta en pé!