O alumnado do IES Primeiro de Marzo de Baiona foi premiado no campionato de robótica Robocampeones 2010 que se celebrou o venres 28 de maio no IES Jovellanos de Fuenlabrada (Madrid)
O segundo posto da Proba Libre levouno a máquina expendedora de caramelos “Lambetadas Baiona” que deseñaron, construíron e programaron os alumnos de Tecnoloxía Industrial de 1º de Bacharelato. Un gran traballo de enxeñería. Parabéns!
Os representantes en Madrid foron Damián, Pablo e Javier
Máis adiante xa publicaremos máis fotos, vídeos e a explicación do funcionamento da máquina que, resumindo, é capaz de distinguir moedas de 50 e 10 céntimos e permite a selección de tres tipos de caramelos mediante dous mecanismos diferentes.
(Actualización: Xa podes ver a páxina do proxecto)
Na Proba de Rescate, na que participaron unha trintena de equipos, tamén quedaron moi ben.
O equipo Lucecú formado por Daniel (4º ESO A) e Javier (1º Bach) quedou terceiro. Un gran traballo, Felicidades!
O equipo O Morriñas formado por Jessica e Anxo de 4º ESO B quedou no cuarto posto. Non levaron copa, pero o resultado é tamén magnífico. Parabéns!
O equipo Sapoconcho formado por Irene e Arancha de 4º A non se clasificou para a final debido a un problema ao esquivar unha lata, pero fixérono tamén fenomenal. Son tamén unhas campioas!
Moitos alumnos e alumnas quedaron en Baiona e non puideron asistir á competición, pero tamén traballaron estupendamente todo este tempo. Os premios son para todos e todas, xa que son produto da enorme implicación e traballo en equipo do alumnado de Tecnoloxía. Felicidades!
Grazas ao IES Gaspar Melchor de Jovellanos e en especial a Víctor polo traballo de organización, e o noso máis sinceiro agradecemento a César e ao alumnado do IES El Greco de Toledo polo magnífico trato recibido acolléndonos no seu instituto os días previos á competición.
Actualización 01-xuño-2010
Saímos no xornal Faro de Vigo (clica na imaxe para ampliar)
Todo isto é posible grazas ao programa Arce de agrupamentos escolares do Ministerio de Educación.