LEGO Digital Designer

Se botas de menos os robots LEGO Mindstorms estas vacacións podes descargar o software LEGO Digital Designer. Permíteche construír os teus propios modelos.

Lego digital designer

Pensade o que necesita o noso robot para superar a proba de rescate de robocampeones ( seguir unha liña negra no chan, detectar vítimas de cores, detectar e sortear obstáculos na liña, detectar o paso dunha habitación a outra, … ) e deseñade un robot cos sensores axeitados na posición correcta. A volta das vacacións probamos os robots e seguimos programándoos.

Pasádeo ben!


Robocampeones

Nun par de semanas no IES Primeiro de Marzo de Baiona teremos 5 robots NXT de Lego Mindstorms grazas a axuda do MEC para o establecemento de agrupacións de centros educativos.

Unha das actividades programadas é a participación en robocampeones 2008, que se desenvolverá na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicación na Universidade Rey Juan Carlos en Madrid.

Para ir quentando motores e facernos unha idea do que imos facer alí, podedes ver o vídeo oficial da competición do 2007.

Este ano mantense a proba de fútbol e introdúcese unha proba de rescate. Podes descargar aquí o reglamento oficial.

Ánimo!


50 anos de LEGO

Hoxe hai 50 anos que se rexistrou a patente de LEGO. Dende aquela xa se fabricaron máis de 400.000 millóns de ladrillos.

O material:

A empresa empezou fabricando as pezas de madeira, pero pronto pasouse ó plástico. Inicialmente optou por utilizar acetato de celulosa. Debido ós problemas de deformación e inestabilidade dese material, en 1963 empezou a utilizar ABS (acrilonitrilo butadieno estíreno), máis resistente e inocuo.

Podes ver aquí unha animación do proceso de fabricación dos ladrillos LEGO:

fabricación

A estrutura:

A resistencia dos ladrillos non só ten que ver co material utilizado, senón tamén coa súa estrutura. A introdución dos perfís circulares no seu interior evita o arqueo e tamén mellora a capacidade de suxeición das pezas.
ladrillos

Movemento e automatización:

Ata 1974 as construcións eran completamente estáticas. A partir de entón a empresa incorpora engrenaxes, pancas, eixes e rodas, o que permitiu a construción de todo tipo de sistemas mecánicos.
En 1986 introducen compoñentes pneumáticos e en 1998 LEGO saca ao mercado o primeiro robot Lego Mindstorms, que permite a construción de sistemas integrados con partes electromecánicas controladas por ordenador.

robot

Creatividade:

LEGO, pola súa versatilidade, é utilizado para a construción de infinidade de obxectos. Podes ver aquí unha galería de obxectos fabricados con LEGO ou inspirados nel.


Mergullámonos na robótica!

imaxe de complubotHoxe a directora do meu centro deume unha boa nova: Chamaron do MEC para comunicarnos que nos conceden unha axuda para o proxecto “Didáctica da robótica para a diversidade educativa mediante a introdución do método Lego Mindstorms” dentro do programa de axudas para o establecemento de agrupacións de centros educativos para a realización e posta en práctica de proxectos comúns (BOE do 06-06-2007)

Traballaremos conxuntamente os departamentos de Tecnoloxía de catro centros de secundaria: un de Girona, un de Madrid, un de Bizkaia e o noso, o IES Primeiro de Marzo, de Baiona (Pontevedra)

En concreto, no noso IES, traballará neste proxecto o alumnado dos grupos de Diversificación Curricular de 3º e 4º de ESO, que participará en diversas competicións de robótica ao longo dos dous anos que dura o proxecto:

  • F.I.R.S.T. Lego League
  • Robocampeones
  • European Robocup

Agora quentamos motores, e comezaremos a prepararnos a partir da segunda avaliación.