Leo con estupor un artigo publicado este xoves no Faro de Vigo, “Educación incorporará electrotecnia a las materias opcionales en Bachillerato“, no que se presentan as materias de electrotecnia e de robótica como novidades introducidas recentemente no sistema educativo galego, dando a entender un impulso da administración educativa cara á educación tecnolóxica.
Nada máis lonxe da realidade!
Para quen non estea ao tanto do que sucede na educación, gustaríame indicar unha serie de cousas que poden axudar a ler este artigo cunha visión crítica.
Electrotecnia
A materia de Electrotecnia existe no sistema educativo desde a implantación da LOGSE, hai máis de 20 anos. Era unha materia troncal en 2º de bacharelato, de 4 horas semanais, primeiro na modalidade de Tecnoloxía do bacharelato LOGSE e despois na modalidade de Ciencias e Tecnoloxía coa LOE. Desde a aprobación da LOMCE, a modalidade de Ciencias e Tecnoloxía pasa a ser modalidade de Ciencias, a secas, a Electrotecnia elimínase do programa e Tecnoloxía Industrial I e II deixan de ser materias troncais, pasando a ser específicas cunha carga horaria reducida.
Se ben hai que alegrarse de que en Galicia se recuperase a electrotecnia no bacharelato dentro das materias de libre configuración, aínda que sexa cunha ínfima carga horaria de 2 horas semanais, non é de recibo que se presente como se fose unha novidade, e menos dar a entender que se aposta pola orientación cara os estudios científico-técnicos, cando a LOMCE elimina a vía tecnolóxica do bacharelato.
Robótica
Outra materia que se presenta coma novidade é a Robótica. Se ben é certo que se se introduciu o curso pasado ma materia a robótica de libre configuración de 2 horas semanais en 1º de bacharelato, cabe facer un par de consideracións, que non se teñen en conta neste artigo.
A robótica está incluída no currículo de Tecnoloxía de 4º de ESO desde o ano 2006. Tamén se inclúen contidos de programación, control e robótica en todos os cursos de Tecnoloxía da ESO e na materia de Tecnoloxía Industrial do bacharelato. Polo tanto, non é algo novo no sistema educativo. É para alegrarse de que por fin a Consellería de Educación teña reservada unha partida orzamentaria para equipar aos centros, pero xa tardou en facelo. Galicia é a única comunidade autónoma na que non se realizou ningunha dotación específica para traballar os contidos de robótica que temos no currículo de tecnoloxía desde o ano 2006, e en todo este tempo os centros tivemos que buscarnos a vida para poder traballar. Xa choveu!
Outro dos problemas que ten esta nova materia de robótica é que na maioría dos centros, especialmente os pequenos, non se pode ofertar. A combinación de horas no 1º curso de bacharelato impide que se poda cursar a materia de Tecnoloxía Industrial e a de Robótica conxuntamente, a non ser que se obrigue ao alumnado a cursar relixión, cousa que se intenta evitar, evidentemente.
Minifundismo curricular
Hai unha cousa que me preocupa enormemente do que está a suceder en cada reforma educativa, e é a continua parcelación e fragmentación do coñecemento que se está a producir. Proliferan as materias de 1 e 2 horas semanais a costa de reducir a carga horaria doutras. Non ten sentido, agás para facer publicidade e saír nos medios presumindo da aposta por determinados campos do coñecemento, neste caso a tecnoloxía e a robótica.
Hai que salientar que a robótica non é unha disciplina en si mesma, senón que é un conxunto de tecnoloxías, nas que se integran a mecánica, electricidade e electrónica, estruturas, programación, proxectos, etc. Onde mellor se traballa non é nunha materia illada, senón no seo dunha materia global na que se tratan todos estes temas, como poden ser a materia de Tecnoloxía da ESO ou na de Tecnoloxía Industrial do bacharelato.
A fragmentación do coñecemento en disciplinas illadas e con reducida carga horaria non é educativamente eficaz, pois non hai continuidade, non hai visión global e non dá tempo á realización de proxectos complexos. É moitísimo máis eficaz a aprendizaxe en 1º de bacharelato con 4 horas de tecnoloxía industrial, que con 3 + 2 horas de Tecnoloxía e robótica, pero nin sequera isto é posible, xa que non se poden ofertar conxuntamente. O alumnado ou ten 3 horas de tecnoloxía Industrial ou 2 horas de robótica, cando antes eran 4 horas de tecnoloxía. Empeoramos moito na educación tecnolóxica, por moita publicidade que fagan.
Propostas
Como amañar isto?
Para empezar, cómpre algo de cordura no sistema educativo, que deixen de tomar decisións á lixeira coa intención de sacar réditos políticos e se faga unha proposta curricular global, seria, sensata e coherente. Non podemos seguir coa pelexa de horas para ver quen apaña o cacho máis grande do pastel curricular, o que conduce a situacións completamente insostibles e ineficaces. Témome que pido moito.
Derrogar a LOMCE e repensar o sistema educativo. Non chega con intentar frear as nefastas reválidas ou cambiar o status da relixión. A organización curricular e os propios currículos non hai por onde collelos.
Recuperar a vía tecnolóxica no bacharelato, con materias troncais ao mesmo nivel que outras. A tecnoloxía non pode ser un complemento de segunda categoría cando se quere apostar pola orientación cara aos estudos STEM (Ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Coa LOMCE a cousa se queda en SM, pois non se considera a tecnoloxía e a enxeñería como opción formativa. Para iso cómpre tamén recuperar a tecnoloxía de 4º de ESO como válida para calquera orientación, tanto de FP como para o bacharelato. Coa LOMCE queda relegada á vía dirixida a FP e non na vía de ensinanzas académicas.
E se non teñen intención de parar a LOMCE, no bacharelato polo menos se podería asignar unha hora semanal a unha materia específica, para que poda utilizarse como alternativa á relixión. Dese xeito si se poderían cursar Tecnoloxía Industrial e Robótica simultaneamente. A materia de “cultura científica” podería ser unha boa opción, ciencia como alternativa á relixión.
En fin, se queren demostrar interese pola orientación académica cara ós estudos tecnolóxicos fai falta máis compromiso real e menos publicidade.