Low-Tech Factory. Repensando a fabricación.

Teño que recoñecer que sinto unha especial debilidade polas máquinas absurdas e improdutivas que teñen como única finalidade a intervención artística e invitar á reflexión.

Grazas a designboom.com descubrín o traballo do grupo “Low-Tech Factory” formado por estudantes de Deseño Industrial de ECAL/University of Art and Design Lausanne.

Mediante unha serie de máquinas reinterpretan e exploran os procesos de fabricación de diversos produtos, experimentando técnicas de moldeado, termoconformado ou punto para a fabricación de gorros, bolsos, lámpadas, … e incluso flocos de millo. Non son máquinas produtivas que sirvan para instalarse en grandes fábricas, desde logo, a idea é recrear e valorar o proceso polo que se crea un produto, retardar o proceso de fabricación para que se converta nun espectáculo que poda ser apreciado e recoñecido.

Unha das obras é a máquina de flocos de millo, que produce unha única “palomita” cada vez. Un proceso que xeralmente se produce en masa é illado para que se converta nun espectáculo, producindo unha satisfacción visual e gastronómica.

[ECAL Low-Tech Factory/Oncle Sam from ECAL on Vimeo.]

Outro curioso traballo é a randeeira-tecedeira. Ao balancearse móvense unha serie de engrenaxes que poñen o equipo de tecer a funcionar, e pouco a pouco vai facéndose un gorro de la.

[ECAL Low-Tech Factory/Rocking-Knit from ECAL on Vimeo.]

Se che interesa a arte da fabricación improdutiva, neste vídeo podedes ver outros traballos de ECAL Low-Tech Factory:

[ECAL Low-Tech Factory from ECAL on Vimeo.]