Sensorama Machine: Realidade virtual en 1957

Lendo vellos artigos de neoteo.com atopeime coa primeira experiencia de realidade virtual * da historia. Non foi hai un par de décadas, como poderiamos pensar, senón hai máis de 50 anos.

Trátase de Sensorama Machine, de Morton Heilig, un dispositivo capaz de reproducir películas de cine en 3D que reproducía son estéreo mediante dous altofalantes, vibracións, a sensación de vento e ata algúns cheiros. Unha das primeiras películas que se proxectaron na máquina Sensorama consistía nunha viaxe en bicicleta ao longo e ancho dalgunhas rúas de Manhattan.
Podes ver aquí a pantente #3,050,870

Sensorama

Nunha época na que moi pouca xente tiña televisión en cor e non existían os efectos especiais, animacións e os xogos de agora, a experiencia vivida en Sensorama Machine debeu ser impactante.

Podes ver o artigo completo en neoteo.com, no que nos amosan outros inventos de realidade virtual da época.


A máquina máis inútil do mundo

As máquinas que deseñamos e contruímos na ESO non é que sexan moi útiles, pois non son máis ca xoguetes, pero non pensedes que só nós facemos cousas desas. O outro día vin un deseño do máis orixinal, anque inútil segundo o seu título. A ver se serve de inspiración.

youtube: World’s Most Pointless Machine?

É que, co ben que se está alí dentro, non sei como se atreven a abrir a caixa só para incordiar. Hai xente que non sabe facer outra cousa que molestar ;-)

(Visto en perlas.mangasverdes.es)


Do-nothing Machine

Do-nothing machine, ou a máquina que non fai nada, é un antigo xoguete mecánico que sempre me gustou.

Consiste nun bloque de madeira dividido por dúas guías a través das cales dúas pequenas pezas móvense dun lado a outro cando facemos xirar a manivela.

Trátase dun mecanismo transformador do movemento: Mentres as pezas describen un movemento lineal alternativo, calquera punto da manivela situado a partir da segunda peza debuxa unha elipse no plano. Fai a proba con esta animación en flash (de mekanizmalar.com)

Se queremos contruír este mecanismo, en instructables temos o despece e as instrucións a seguir. É moi sinxelo de facer, e aquí tes o resultado:

Pero non nos quedemos co xoguete exposto. Que farías para convertelo nunha máquina para debuxar elipses de diversos tamaños? Engadiríaslle algo ás pezas para conseguir un xoguete máis interesante?