Dirección dun coche “cabledirixido”

Para o control da dirección dos vehículos “cabledirixidos” de 2º de ESO utilizamos dúas rodas motrices e unha roda libre, de xeito que o xiro do vehículo conséguese modificando o sentido de xiro de cada unha das rodas motrices.

direccion1.png

piñón-cremalleiraHai outra maneira de facer que o vehículo xire utilizando o mecanismo piñón cremalleira.

As rodas motrices serían as traseiras, e as dianteiras están acopladas a un mecanismo coma o da figura, que se move grazas a un segundo motor que controla a dirección:

direccion.png

Cómpre colocar uns finais de carreira que fagan que o motor da dirección se deteña cando a cremalleira chega ao final do percorrido.

circuíto inversor con parada automática

O malo deste sistema é que o vehículo sempre xira, e nunca vai moverse recto. Para facer iso necesitariamos poder controlar mellor a dirección, por exemplo utilizando un servo ou un circuíto lóxico.

Aquí hai un vídeo no que se amosa o mecanismo:


Megamotor diésel

Que vos parece este cegoñal?

rta96c_crank.jpg

Impresionante, non?

Atopei hai uns meses esta foto en “tecnología obsoleta“, e forma parte do motor diésel máis grande en funcionamento, o Wärtsilä-Sulzer RTA96-C, que se utiliza para a propulsión de grandes barcos cargueiros. O motor no seu conxunto mide máis de 13 m de altura e 27 de lonxitude, o seu peso supera as 2300 toneladas e desenvolve unha potencia de máis de 80MW.

rta96c.jpg

Máis fotos, información e características en The Most Powerful Diesel Engine in the World!

 
Actualización 21/11/2011:

Non te perdas esta interesante galería de fotos de shipsnostalgia.com onde nos mostran o proceso de fabricación do motor Doxford entre 1957 e 1958.

Podes ver máis fotos en shipsnostalgia.com


As pechaduras

O noso compañeiro Fernando Ruiz amósanos a través dun foro do profesorado de tecnoloxía dúas interesantes fotografías que sacou en Yemen. Trátase dunhas antigas pechaduras que funcionan mediante un sistema de pernos, e que nos recordan aos sistemas actuais. (Clica nas imaxes para amplialas)

chave_yemen1_peq.jpg

chave_yemen2_peq.jpg

As pechaduras mecánicas tradicionais teñen dous elementos importantes, os pernos, e os contrapernos, de xeito que cando tódolos pernos quedan á mesma altura crean unha liña que fai posíbel que o tambor vire e podamos abrir a porta. Cada pechadura que utiliza este sistema só pode ser aberta por unha forma de chave determinada.

chave1.png
En moitos sitios utilízase unha chave mestra, coma no instituto ou nos hoteis. Como é posíbel que unha única chave poda abrir pechaduras diferentes? (fonte: cyrusnet)

Para que unha pechadura poida ser aberta con máis dunha chave necesitamos que se poida crear máis dunha liña, engadindo entre os pernos e contrapernos unhas pezas chamadas espaciadores.

chave2.pngchave3.png

Dese xeito pódese formar máis dunha liña. Por exemplo, unha chave abriría a pechadura pola liña superior deixando o espaciador por baixo, e outra chave abriría a pechadura pola liña inferior, deixando o espaciador por riba.

Agora supoñamos que temos dúas pechaduras con 5 pernos cada unha, a primeria cun espaciador no primeiro perno, e a segunda cun espaciador no terceiro perno.

Temos tamén tres chaves, unha chave mestra que pode abrir dúas pechaduras, e outras dúas chaves que só poden abrir unha pechadura cada unha.

Cada val da chave pode ter, por exemplo, 9 alturas. Supoñamos as seguintes alturas para as nosas chaves:

  • Chave1: 3-4-8-4-3
  • Chave2: 7-4-3-4-3
  • Mestra: 7-4-8-4-3

A pechadura 1, con espaciador no primeiro perno, podería abrirse coa chave 1 e coa mestra. A chave 2 non podería abrila xa que quedaría bloqueado o terceiro perno.

A pechadura 2, con espaciador no terceiro perno, podería abrirse coa chave 2 e coa mestra. A chave 1 quedaría bloqueada no primeiro perno.

Hai moitos outros sistemas para as pechaduras que funcionan mediante dispositivos electrónicos, pero ese será outro capítulo.

Unha proposta de proxecto de electrónica dixital pode ser a fabricación dunha pechadura utilizando portas lóxicas e un solenoide, de xeito tal que a saída se efectúe unicamente coa combinación de fechos axeitada. Tes a explicación no arquivo ZIP Bloqueo de fecho codificado“, que foi presentado nas VII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia.

chave4.png

Actualización 2/12/2008:
Hoxe atopei unha páxina cun proxecto de construción dunha pechadura de plástico:
Tumbler, key, and case.

Actualización 04/02/2013:
Un vídeo do funcionamento das pechaduras convencionais:
[youtube: How locks work – Animation]


Probador de zapatos

Nunha fábrica de calzado están a probar un novo material sintético para a fabricación de zapatos, e necesitan unha máquina para probar a súa resistencia e durabilidade. A máquina debe imitar na medida do posíbel o movemento dun pé ao camiñar, e debe repetir o movemento un número ilimitado de ciclos ata que o material rompa.

Unha idea:
pe.jpg

(Visto aquí)