Computopías. Visión futurista da escola

En 1969, a revista Shonen Domingo incluíu unha serie de artigos ilustrados titulado “computopías” e que describe a vida nun futuro impregnado de computadoras.

Fixádevos como imaxina o futuro nunha aula dun colexio: (clica na imaxe para ampliala)

computopia_1.jpg

“O nacemento da escola informatizada”, ilustrado por Shigeru Komatsuzaki, imaxina o interior dunha aula do futuro, onde a profesora é unha imaxe nunha pantalla e o alumnado séntase nuns pupitres equipados con ordenadores. Cando a mestra presenta un problema, os estudantes deben resolvelo na pantalla utilizando un punteiro, e se a resposta é incorrecta deben corrixilo ata que o equipo indique que é correcto.

Coa finalidade de manter a orde, a aula está equipada con robots vixiantes que se encargan de castigar a quen estea distraído dándolle na testa cunha bola articulada. Pero non só están os robots, tamén hai un mecanismo no teito que se activa cando alguén non está traballando.

Fixádevos na cantidade de trebellos que se atopan na aula, polas paredes. Moita tecnoloxía, pero ben utilizada? Xa falei disto nun antigo post: “A escola do futuro

Aínda que ter un robot na aula á nosa disposición non estaría nada mal. Deixaríalle o mecanismo para dar labazadas, por exemplo, cada vez que alguén faga un curtocircuíto nas prácticas ;-) aínda que engadindo funcións de repartir e recoller o material, o que nos aforraría bastante tempo e traballo.

Podes ver máis ilustracións da serie en pinktentacle.com.

(Vía @alpoma)


Pirámide da aprendizaxe

Ensínovos un gráfico que pode servir para reflexionar sobre a metodoloxía utilizada nas nosas clases, e que representa os índices de retención acadados segundo as actividades que realizamos.

pirámide da aprendizaxe

O sistema de formación académica parece que segue atascado no uso dos métodos menos eficaces. Non nos queixemos, actuemos.


A escola do futuro

A imaxe que ves foi realizada en 1899 polo debuxante francés Jean-Marc Cotê, e nela imaxinábase a escola no ano 2000. Os libros introdúcense nunha máquina trituradora, e a información contida neles convértese en impulsos eléctricos que se transmiten por medio de cables ata os auriculares que cada alumno ten postos.

imaxinando a escola no ano 2000

Esta imaxe dende logo que está moi afastada da realidade actual nas aulas, pero só no referente á tecnoloxía utilizada. Desgraciadamente hoxe en día, e en case tódalas materias, séguese a ver un proceso ensinanza-aprendizaxe moi similar ó de esta imaxe: o alumnado actúa unicamente como receptor pasivo de información, e o profesor, sentado, dicta os contidos que os alumnos e alumnas deben almacenar no seu cerebro.

Hoxe podemos ter ordenadores, encerados dixitais, canóns proxectores, PDAs, e infinidade de ferramentas e aplicacións para traballar en rede, pero se non hai un cambio de metodoloxía, a escola segue sendo a mesma que na época do debuxante, cambiando a trituradora por un ordenador e un canón proxector.

Prefiro esta imaxe dunha aula de tecnoloxía nun instituto, na que o alumnado participa de forma activa no proceso de aprendizaxe construíndo, analizando, investigando, planificando, buscando información, …

aula de tecnoloxía

O que me parece triste é saber que nalgunhas aulas de tecnoloxía non se ve isto, senón ó alumnado sentado diante dun libro de texto cos seus pupitres colocados en filas individuais.

As razóns para non facer traballos prácticos poden ser moi variadas, pero aínda que todo estea en contra, os esforzos do profesorado deben ir na dirección de adoptar unha metodoloxía práctica e activa, e a Administración debe poñer as condicións necesarias para que iso sexa posíbel:

  • Reducir a ratio ou establecer desdobres. Resulta case imposíbel utilizar unha metodoloxía práctica e activa con grupos de 30 alumnos e alumnas.
  • Actualizar as dotacións das aulas de tecnoloxía, pois co material que proporciona a Consellería o que podemos explicar é historia da tecnoloxía, ata o século XIX. Pouco máis. Por que en Galicia non hai unha dotación para os contidos de control e robótica? Por que hai aulas de tecnoloxía sen ordenadores?
  • Realizar unha oferta de cursos de formación do profesorado ampla, con contidos útiles, prácticos, variados e aplicables na aula. A formación do profesorado en Galicia é lamentable, e no caso da especialidade de tecnoloxía, practicamente inexistente. Menos mal que temos as Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA para poder actualizarnos.
  • Apoiar a área de tecnoloxía. Cada vez que hai un cambio lexislativo, e xa van varios seguidos, hai unha redución horaria, un desprezo explícito ó ensino da tecnoloxía, o cal provoca unha tremenda desmotivación do profesorado.

A situación non axuda, pero non toda a responsabilidade é da administración. O profesorado debemos deixar de soñar con que o alumnado teña un conector USB polo que transmitirlle a información, e debemos poñernos a investigar en metodoloxías máis eficaces e adaptadas á realidade actual. Propoño empezar metendo os libros de texto nunha máquina trituradora, deixando unicamente uns poucos como material de consulta.