VII Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na Rúa”

Quen estea en Santiago de Compostela o vindeiro venres 1 de xuño non debe perderse a VII Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na Rúa”, na céntrica Praza do Toural. A mostra está organizada por APETEGA coa imprescindible colaboración do IES Rosalía de Castro.

Coma noutras edicións, exporanse os proxectos realizados polo alumnado na materia de Tecnoloxía da ESO de diversos institutos galegos e haberá algúns obradoiros prácticos nos que os asistentes poderán participar.

Este ano, coma novidade, levaremos algúns antigos trebellos que nos permitirán ser conscientes da evolución da tecnoloxía ao longo do tempo. Poderedes falar por uns teléfonos de manivela, facer cálculos con calculadoras mecánicas, ver como eran os ordenadores dos anos 80 (ZX Spectrum, commodore 64), unha videoconsola SOUNDIC, un amplificador HI- FI de válvulas, e moitas máis sorpresas.

  • Data: 1 de xuño de 2012
  • Lugar: Praza do Toural en Santiago de Compostela
  • Horario: de 17:00 a 20:30 horas
  • Cartel anunciador
  • Díptico

VI Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa”

apetega_VImostra.jpgQuen ande esta tarde por Santiago de Compostela que non se perda a VI Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa” que organiza Apetega.

Trátase dunha mostra de proxectos realizados polo alumnado de tecnoloxía da ESO en diversos institutos de Galicia.

  • Lugar: Praza do Toural. Santiago de Compostela
  • Data: 10 de xuño de 2011
  • Hora: de 17:00 a 20:30 horas

Outras edicións sempre contaron con proxectos do noso insti, pero este ano non poderei ir. A ver o ano que vén …


A mostra de proxectos nos medios de comunicación

Algúns medios de comunicación fixéronse eco da V Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa” organizada por APETEGA.

No Telexornal Serán da TVG. 12/06/2009 – 21:05.
Pequenos “enxeñeiros” mostraron os seus inventos en Santiago.

Na Voz de Galicia:
Docentes de Tecnoloxía piden máis medios para poder impartir a materia no bacharelato. A exposición de traballos da praza do Toural superou as previsións e impactou

lavoz_mostra.jpgEn realidade o que se pide é que deixen impartir as materias de Tecnoloxía Industrial e Electrotecnia en Bacharelato, pois en moitos centros a inspección non as permiten ofertar, sendo materias de modalidade.

Non hai ningunha restrición á oferta de ningunha materia do Bacharelato excepto para as materias de tecnoloxía, e non poden xustificar non deixar ofertalas polos recursos que se necesitan, pois tampouco hai unha dotación axeitada para impartir a Tecnoloxía da ESO e sen embargo estase a impartir perfectamente, xa que o profesorado xa nos sabemos buscar a vida para conseguir os recursos necesarios, físicos e virtuais. Desgrazadamente é así.

Non se entende esa política antitecnolóxica da Consellería de Educación, e así nos vai neste país. Ao final o maior perxudicado é o alumnado interesado pola tecnoloxía e polos estudios superiores relacionados, ao que non se lle permite aprender.