tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Simulacións si, e prototipos tamén.

A maior parte do mundo material no que habitamos hoxe ten a súa orixe en simulacións por ordenador. Dende unha idea a un deseño, pasando por un proceso de fabricación ou unha orde de envío, todo iso existe no mundo do software antes de facerse realidade.
Pero antes do software está o hardware, e antes do hardware estaban os manitas. Os comezos da revolución informática refléxanse nos prototipos que construían a man nos talleres de Silicon Valley. Agora hai indicios de retorno de ese mundo máis táctil.

Así comeza un artigo de hoxe no diario El País (Las manos pueden crear, no sólo utilizar el ratón) que dá pé a unha reflexión sobre o enfoque que lle debemos dar ao ensino da tecnoloxía na Educación secundaria.

Proxecto de tecnoloxíaDende o mundo do deseño e da enxeñería empezan a cuestionarse a desconexión existente do mundo físico, denuncian que os mellores estudiantes universitarios nunca desmontaron unha bici ou fixeron unha maqueta ou prototipo, e fan públicas ditas carencias.

Para min, en Educación Secundaria, é tan importante coñecer a lei de Ohm como saber conectar dúas lámpadas en paralelo, coñecer a simboloxía pneumática como poñer en funcionamento un circuíto pneumático, coñecer os mecanismos como ser capaz de deseñar unha máquina que reproduza un movemento determinado, por simple que sexa. É máis, unha cousa sen a outra creo que non funciona, e reducir, simplificar ou eliminar as actividades prácticas co mundo físico paréceme un serio fracaso na formación tecnolóxica básica que se está a inculcar nos institutos nos que se toma esa decisión.

Hai que utilizar simuladores, por suposto, hoxe en día son imprescindibles, pero para o deseño e construción de prototipos na aula, e nunca para substituílos.

Nolo agradecerá o profesorado dos niveis superiores universitarios e de formación profesional? ou son aínda moi poucas as persoas que se dan conta desa necesidade de non quedarse no mundo virtual?…