Smart Trashbox: A papeleira intelixente

Xa temos a solución á falta de limpeza nos colexios e institutos, cuxos chans vemos sempre ateigados de papeis engurrados e de envoltorios de larpeiradas: Smart Trashbox, unha papeleira que persegue os obxectos que se dirixen cara ela, facendo que os tiros sempre atinen no seu interior.

A papeleira utiliza kinect para realizar un escaneo da habitación. Cando detecta un obxecto en movemento no aire, calcula a súa posición, velocidade e punto de caída aproximado, e comunica estes datos á papeleira, que se moverá cara ás coordenadas calculadas para intentar atrapalo.

No seguinte vídeo tes o anuncio no que se inspirou o autor, o proceso de deseño e fabricación, e verás a papeleira en acción a partir do minuto 2:25.

[youtube: Smart Trashbox] (Visto en: kirainet.com)

O malo de implantar un sistema así nas aulas dos institutos é que non contribuiría a educar ao alumnado.

Temos outro modelo de papeleira robotizada, pero neste caso non se encarga de recoller o lixo, senón en pedirnos educadamente que o recollamos. Cando a papeleira-robot, despois de pasearse dun lado a outro da habitación, atopa algo de lixo, o que fai é dirixirse cara os humanos e inclinar o corpo ante eles pedindo axuda para recoller os desperdicios.

A papeleira en cuestión chámase Sociable Trash Box, e representa un novo concepto de robótica: Os robots non se deseñan para axudar aos humanos, senón que son os robots os que necesitan a axuda das persoas para lograr o seu cometido. Aquí o importante é a capacidade dos robots de comunicarse coas persoas, a súa sociabilidade.

[youtube: Sociable Trash Box] (Visto en: nippon.com)

De tódolos xeitos, como non dispoñemos destes robots, non queda outra que tirar os papeis ás papeleiras intentando ter boa puntería, e recolléndoos cando non fagamos canasta.


Teoría da diversión

A xente de Rolighetsteorin teno claro. Pódese cambiar facilmente o comportamento das persoas facendo que as cousas sexan máis divertidas. Chámanlle teoría da diversión.

Conseguiron, por exemplo, que moita xente elixise subir as escaleiras do metro a pé no canto de coller as escaleiras mecánicas, ou tamén facer que todo o mundo usase as papeleiras para tirar o lixo. Todo iso a cambio de diversión.

Escaleiras musicais: Colocaron uns sensores nos chanzos de xeito que as persoas ao pisar fan que soe unha melodía. Conseguiron un aumento do 66% no uso das escaleiras.


[youtube: Pianotrappan]

Papeleira profunda: Cada vez que se tira un obxecto na papeleira, un sensor detecta a presencia e uns altofalantes emiten un son que semella unha caída libre.


[youtube: Världens djupaste soptunna]

Uns divertidos exemplos que ilustran cómo unha mellora tecnolóxica pode cambiar o comportamento das persoas.

(Visto en alt1040)

Actualización 28/10/2009:

Tamén hai un contedor de vidro ao estilo dun xogo de arcade. Hai que atinar ben e introducir a botella polo burato que ten a luz.


[youtube: Bottle Bank Arcade]


Cloaca Nº 5

Cloaca Nº5 é unha máquina-escultura que reproduce o sistema dixestivo humano, dende a masticación ata a excreción, e forma parte dunha serie de máquinas coa mesma función: Cloaca Factory.

cloaca01.jpg

Aliméntase dúas veces ao día cos restos da cafetería durante a exposición e, ao final do proceso, a máquina produce feces que logo envásanse ao baleiro.

cloaca04.jpg

O propio artista, Wim Delvoye, recoñece que esta máquina é inútil, que non vale para nada, pero como intervención artística que é ten un fin reflexivo, pois explora a actual cultura consumista e xeradora de resíduos.

Este tema precisamente está de actualidade no noso IES. A semana pasada o alumnado do ciclo fixo unha instalación e intervención educativa sobre os desperfectos e a xeración de lixo. Despois dos recreos vemos como unha manta de residuos cubre o chan dos patios e corredores: papeis de chicles, anacos de bocatas, servilletas, latas, … Consumimos, pero non pensamos en todo ese material inservible que producimos diariamente.

Necesitaremos instalar no insti unha máquina-cloaca que trate e recicle todo ese refugallo?

cloaca.jpg

A mellor opción é concienciarse, usar as papeleiras, consumir menos produtos envasados e reciclar. Pero iso depende de cada quen. Non necesitamos ningunha máquina para manter o instituto máis limpo. Ou si?