Menos mal que existen as normas de seguridade nas instalacións dos edificios. Entre elas está a normativa sobre a instalación dos ascensores, que se preocupa pola seguridade, a accesibilidade e a comodidade dos usuarios e usuarias.
Porén, non sempre estiveron os criterios de seguridade por diante da rapidez e da eficacia do transporte. Un exemplo témolo no ascensor cíclico “Paternoster“, chamado así popularmente porque lembra a un rosario, ou porque só pensar en subirte nel fai que te poñas a rezar. Eu máis ben poríame a fungar contra o enxeñeiro que o deseñou.
Consiste nunha serie de compartimentos abertos que se moven continuamente sen deterse. O primeiro foi construído en 1884 en Inglaterra, e foron ascensores moi populares na primeira metade do século XX, xa que permitían transportar a máis persoas por unidade de tempo cós ascensores convencionais. Hoxe en día non están permitidos en moitos países debido aos seus problemas de seguridade. Mira estes vídeos e entenderás por que:
[youtube: Arts Tower Paternoster]
[youtube: Amazing 1913 Original paternoster elevator in Copenhagen]
Imaxinádevos subindo e baixando deste ascensor a unha persoa maior, a unha muller embarazada de oito meses, a unha nai ou pai cun carro dun bebé ou a unha persoa con muletas ou nunha cadeira de rodas. Isto hoxe en día é inconcibible.
Os ascensores actuais dispoñen de sensores, memoria e controladores programables que controlan a velocidade, a marcha e a parada das cabinas, dispoñen de sistemas de seguridade e informan do piso no que te atopas.
Nesta infografía de consumer podes ver como funcionan os ascensores actuais:
E nesta outra cóntannos cales son as medidas básicas de seguridade:
Pero non sempre foi así. O primeiro ascensor foi desenvolvido por Arquímedes no ano 236 aC. Funcionaba con cordas e poleas e era impulsado por forza humana ou animal. A partir de entón os elevadores e ascensores foron evolucionando sen parar. Aquí tedes algunhas imaxes de antigos ascensores:
Actualización 24/10/2012:
Para completar este post, velaquí a historia dun home que quedou atrapado nun ascensor nada menos que 41 horas, sen reloxo, nin teléfono, nin comida nin auga. Desacougante timelapse. (Vía: @xurxomar)
[youtube: Trapped in an elevator for 41 hours]
Actualización 11/11/2012:
Juan Pascual envía un curioso vídeo sobre ascensores. Bueno, máis ben é un vídeo sobre pantallas LG que trata de demostrar a calidade e realismo da imaxe facendo este experimento dentro dun ascensor. Non dá medo do mesmo xeito que no paternoster, pero a xente leva un bo susto:
[youtube: So Real it’s Scary]