As pechaduras

O noso compañeiro Fernando Ruiz amósanos a través dun foro do profesorado de tecnoloxía dúas interesantes fotografías que sacou en Yemen. Trátase dunhas antigas pechaduras que funcionan mediante un sistema de pernos, e que nos recordan aos sistemas actuais. (Clica nas imaxes para amplialas)

chave_yemen1_peq.jpg

chave_yemen2_peq.jpg

As pechaduras mecánicas tradicionais teñen dous elementos importantes, os pernos, e os contrapernos, de xeito que cando tódolos pernos quedan á mesma altura crean unha liña que fai posíbel que o tambor vire e podamos abrir a porta. Cada pechadura que utiliza este sistema só pode ser aberta por unha forma de chave determinada.

chave1.png
En moitos sitios utilízase unha chave mestra, coma no instituto ou nos hoteis. Como é posíbel que unha única chave poda abrir pechaduras diferentes? (fonte: cyrusnet)

Para que unha pechadura poida ser aberta con máis dunha chave necesitamos que se poida crear máis dunha liña, engadindo entre os pernos e contrapernos unhas pezas chamadas espaciadores.

chave2.pngchave3.png

Dese xeito pódese formar máis dunha liña. Por exemplo, unha chave abriría a pechadura pola liña superior deixando o espaciador por baixo, e outra chave abriría a pechadura pola liña inferior, deixando o espaciador por riba.

Agora supoñamos que temos dúas pechaduras con 5 pernos cada unha, a primeria cun espaciador no primeiro perno, e a segunda cun espaciador no terceiro perno.

Temos tamén tres chaves, unha chave mestra que pode abrir dúas pechaduras, e outras dúas chaves que só poden abrir unha pechadura cada unha.

Cada val da chave pode ter, por exemplo, 9 alturas. Supoñamos as seguintes alturas para as nosas chaves:

  • Chave1: 3-4-8-4-3
  • Chave2: 7-4-3-4-3
  • Mestra: 7-4-8-4-3

A pechadura 1, con espaciador no primeiro perno, podería abrirse coa chave 1 e coa mestra. A chave 2 non podería abrila xa que quedaría bloqueado o terceiro perno.

A pechadura 2, con espaciador no terceiro perno, podería abrirse coa chave 2 e coa mestra. A chave 1 quedaría bloqueada no primeiro perno.

Hai moitos outros sistemas para as pechaduras que funcionan mediante dispositivos electrónicos, pero ese será outro capítulo.

Unha proposta de proxecto de electrónica dixital pode ser a fabricación dunha pechadura utilizando portas lóxicas e un solenoide, de xeito tal que a saída se efectúe unicamente coa combinación de fechos axeitada. Tes a explicación no arquivo ZIP Bloqueo de fecho codificado“, que foi presentado nas VII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia.

chave4.png

Actualización 2/12/2008:
Hoxe atopei unha páxina cun proxecto de construción dunha pechadura de plástico:
Tumbler, key, and case.

Actualización 04/02/2013:
Un vídeo do funcionamento das pechaduras convencionais:
[youtube: How locks work – Animation]