tecnoloxia.org entre os 10 primeiros blogues de educación

bitacorascom.pngNon esperaba este éxito de tecnoloxia.org premios bitacoras.com, pero segundo a II clasificación parcial este blogue está entre os 10 mellores blogues de educación votados polo público.

Quero dar as grazas a todas as persoas que destes o voso voto, e animar a quen aínda non votou para axudar a que tecnoloxia.org non baixe desa posición. Aínda tedes ata o 30 de outubro.

Hai que rexitrarse aquí, e logo votar na categoría de educación.

Polo que vin, Capítulo 0 e tecnoloxia.org son os únicos blogues escritos nunha lingua diferente ao castelán que están entre os primeiros posicionados nas diferentes categorías, e esa lingua é o galego. Dende logo que é un bo apoio á presenza da lingua galega en Internet. Así que un voto tamén para Capítulo 0 na categoría de blogues gastronómicos.


Blogues educativos en Bitacoras.com

bitacorascom.pngHoubo que esperar á quinta edición dos Premios Bitacoras.com para que incluísen unha categoría de Educación.

É algo que sempre me chamou a atención en todos eses eventos blogueiros. Convócanse premios, encontros e mostras organizando a blogosfera en categorías do máis diverso, pero sempre botei en falta unha dedicada aos blogues educativos, presentes en internet dende que existen os blogues, actualizándose cada curso escolar, moitos de moitísima calidade, pero sempre esquecidos no macromundo blogosférico e funcionando en paralelo como conxunto de blogues independente do resto.

Din que a educación ten que saír das paredes das escolas, e que o centro da aprendizaxe está máis alá das actividades estrictamente educativas. Nestes tempos en que se está a empezar a apostar pola “escola2.0” e que moitos profesores e profesoras estamos a meternos de cabeza na rede, é de agradecer que dende un evento como os premios bitácoras.com se recoñeza cunha categoría o traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.

Pois nada, creo que é unha interesante oportunidade mostrar a todo o público o que se está a facer en educación, esquecéndonos deses ámbitos edu-limitados nos que acostumamos a movernos, así que animádevos a votar os blogues educativos que máis vos gusten.

Lembrade que para votar previamente hai que rexistrarse.

Se queredes darlle un voto a tecnoloxia.org aquí tedes a ligazón.

Votar en los Premios Bitacoras.comMedio Oficial Premios Bitacoras

Baiona robocampioa!

A flota de robots do IES Primeiro de Marzo (Baiona) arrasou no campionato Robocampeones09 en Móstoles (Madrid)

Parabéns aos rapaces e rapazas de Baiona responsables do seu deseño e programación, ao resto de equipos que participaron na competición e que recibiron os seus merecidos premios, e tamén aos equipos que quedaron sen ser finalistas, pero que traballaron coma os mellores.

Foto conxunta dos institutos premiados: (clica aquí para ampliar)

campions2.jpg

Campións na proba libre: O equipo baionés “Roboparking“.
Un aparcamento robotizado de catro prazas, capaz de contar os coches que entran e saen, pechar a barreira cando está cheo, e amosar nun cartel se está libre ou ocupado.
(Actualización: Podes ver aquí o vídeo co funcionamento)

Na foto están Sandra e Ángela, as representantes en Madrid. Parabéns tamén a Iago e a Javier que, anque quedaron en Baiona, traballaron estupendamente no deseño, construción e programación do roboparkin. Por suposto, o premio é para o equipo completo.

roboparkin1.jpgroboparkin2.jpg

Na proba de rescate quedou subcampión o equipo “Xen“. Felicidades a Jessica e a Daniel polo seu magnífico traballo.

xen.jpg

O equipo “Chandebrito” de 4º de ESO clasificouse como finalista, pero unha descolocación do sensor ultrasónico no último momento antes de competir na final fixo que fallase o robot na superación dos obstáculos. Foi unha mala pasada e quedaron oitavos, pero todos vimos como traballaron e o ben que funcionaba o programa que levaba o robot. Brian, Diego, Óscar e Vero tamén son uns camións!

chandebrito.jpg

Grazas ao profesorado do IES Ana María Matute de Velilla pola súa acolleita os días previos á competición, especialmente a Jesús e a Ángel, e tamén ao alumnado de Velilla polo xenial apoio que lles deron aos rapaces e rapazas de Baiona. Unha experiencia inesquecible.

Na foto: Os equipos de Velilla e Baiona antes da competición. (clica aquí para ampliar)

equipo2.jpg

Felicidades aos equipos de Velilla, que tamén obtiveron uns magníficos resultados.

Por último, as grazas e parabéns ao profesorado responsable da organización de Robocampeones09 e ao instituto IES Antonio Nebrija de Móstoles pola magnífica organización do evento.

Os robots de rescate de Velilla e de Baiona:

flota.jpg

———-
Actualización 26/05/2009:

Nova publicada no Faro de Vigo: “Enxeñeiros de futuro en Baiona”


III Premio Espiral Edublogs09

edublogs09Xa esa en marcha a terceira edición do Premio Espiral Edublogs09, así que se tedes un blogue educativo podedes presentarvos para dalo a coñecer entre a comunidade educativa, e quen sabe, tal vez gañar un premio.

Con estes premios preténdese valorar a importancia e repercusión dos blogues na educación, recoñecer o traballo do profesorado, servir de escaparate motivador dunha corrente educativa dentro da blogosfera e favorecer canles de opinión e debate.

As categorías son:

  • Blogues individuais de profesores e profesoras.
  • Blogues colectivos de profesores e profesoras.
  • Blogues de Centros educativos.
  • Blogues de Aula.
  • Blogues de Asesoramiento, formación e asociacións educativas.

Non se admiten a concurso blogues individuais de alumnos ou alumnas, senón que esta convocatoria só é para o profesorado.

Indican que as valoracións realizadas aos diferentes blogues serán tidos en conta polo xurado, así que se queredes podedes deixar un comentario na información do meu blogue.

Animádevos a presentar os vosos traballos!