Cogomelos. Unha ollada á automatización industrial.

No supermercado vemos bandexas de cogomelos todos igualiños, orientados do mesmo xeito e co rabo da mesma lonxitude. Podemos imaxinarnos unha fábrica cunha chea de traballadoras e traballadores dedicándose intensamente a clasificar, cortar e ordenar os cogomelos en bandexas para preparalos para a comercialización, pero o máis seguro é que non sexa así. Hoxe en día as fábricas están intensamente automatizadas e unha parte moi importante das tarefas son realizadas por máquinas que funcionan coordinadas entre si mediante complexos sistemas de control.

Mirade este vídeo e observade como é o proceso dunha fábrica de cogomelos, onde está automatizado o cultivo, colleita, clasificación por tamaños, orientación, corte e paletizado dos ricos “champis”, conseguindo unha produción de dúas toneladas por hora.

[youtube: Champignons – (Mushroom machine) – Havatec BV]

 

 

Actualización 15/10/2012: Se preferides os cogomelos naturais aos industriais, non hai máis que ir ao monte a buscalos agora que estamos no outono, pero sempre con moito coidado de identificalos ben, non vaia ser que sexan velenosos. Para axudarnos a identificalos hai unha aplicación para móbiles android chamada Micokey, que descubrín grazas a Mallando no Android. A aplicación MicoKey comprende as 255 especies máis comúns de Galicia, incluíndo fichas con imaxe e datos de polo menos cen destas especies. Nas vindeiras actualizacións incluirán máis fichas detalladas.

De tódolos xeitos, se tedes dúbidas, cómpre sempre consultar a algunha persoa experta. Non comades cogomelos collidos no campo sen ter a seguridade de que son comestibles.


Mascando plástico

Cando vos metedes un chicle na boca, non facedes outra cousa que mascar un plástico ao que se lle engaden unha serie de edulcorantes, aromas e colorantes.

Un dos polímeros plásticos máis utilizados para a elaboración de chicles é o acetato de polivinilo (PVA) que tamén é o compoñente principal da cola branca para a madeira, algunhas pinturas e adhesivos.

Orixinalmente utilizábase como base a savia gomosa natural da árbore Manilkara zapota, pero hoxe en día os polímeros plásticos sintéticos constitúen a base da práctica totalidade dos chicles que se comercializan.

Neste vídeo podes ver o proceso de fabricación da goma de mascar:

[youtube: Cómo lo hacen. Goma de mascar]

 

Calcúlase que a nivel mundial as persoas mascan unhas 560.000 toneladas de chicle ao ano.

Pensade que se trata dun polímero plástico sintético que non é biodegradable, polo que se o tirades ao chan vai quedar alí para sempre a non ser que se limpe,  tarefa que non é nada fácil e que fai gastar aos concellos miles de euros en limpeza.

Non vos parece unha porcallada atopar as rúas cheas de chicles pegañentos?


Cortando metal

O que se ve neste vídeo non é un coitelo levándose por diante un anaco de manteiga ou de queixo, aínda que ben o parece. O vídeo amosa a cámara lenta e a gran aumento o que sucede cando unha máquina de corte actúa sobre diferentes tipos de metais.

[youtube: Iscar Chip Formation] (Visto en : la boite verte)

Aquí podemos ver a cámara lenta como se comporta o aceiro cando se fura cunha broca:
[youtube: OSG Mega Muscle Drill]

Tamén vimos hai tempo o aceiro derreterse coma se fose chocolate.


Erros na produción

Unha das fases máis importantes na fabricación dun produto é o control de calidade, cuxo obxectivo é detectar a presencia de erros na produción e asegurar que os produtos fabricados cumpran cuns requisitos específicos e que sexan satisfactorios no mercado ao que van destinados.

A detección de erros previsibles soe estar automatizada. Mediante sensores e sistemas de visión artificial podemos detectar erros nos produtos para separalos antes de que se empaqueten para a súa comercialización. Por exemplo, nunha fábrica de cápsulas de café utilízanse unhas cámaras e un software de visión artificial para analizar o enchido e comprobar o selado despois do enchido. (Imaxes de blog.infaimon.com)

En moitos casos non chega cunha inspección “visual” e cómpre separar unha mostraxe dos produtos fabricados para realizar diversos ensaios sobre eles que verifiquen que as características sexan óptimas (ensaios de dureza, resiliencia, etc.)

A pesar de todo isto, en moitos casos ás fábricas escápanselles algúns produtos con erros de fabricación, sobre todo se aforran no proceso de control de calidade.

Errors in Production é unha curiosa colección de Heike Bollig que recompila produtos con erros na súa fabricación. Se tes algún por casa, agradéceche que llo deas a coñecer para ampliar a mostra.

 

Podes ver máis erros en produtos e outra información en Errors in Production


Broca para furar cadrados

Pois si, existen as brocas para furar cadrados!

A cousa non é sinxela, pois non chega con ter unha broca dunha forma determinada. Se o movemento que realiza é circular, a sección cortada sempre será un círculo.

Para facer un burato con forma de polígono (cadrado, hexágono, etc) cómpre ter un mecanismo que mova a broca dun lado a outro, de xeito que a liña de corte resultante sexa da forma desexada.

Por exemplo, para facer un burato cadrado utilízase unha peza en forma de triángulo de lados curvilíneos (triángulo de Reuleaux) e facémola xirar nun eixe excéntrico. Pódelo ver nos vídeos da seguinte lista de reprodución.


[Lista de reprodución de youtube: furar_cadrados]

Mediante sistemas similares podemos furar elipses, triángulos, hexágonos, ou calquera forma poligonal.

(Visto hoxe en varios sitios do google reader : electronicapascual, ideasecundaria, e algún máis que non me lembro )