Code Monkey Island

Aínda lles quedan 20 días na plataforma de crowdfunding kickstarter.com e xa conseguiron o financiamento para desenvolver o xogo Code Monkey Island, un xogo de mesa que ensina conceptos básicos de programación, como as estruturas de control, as estruturas de datos, a lóxica, a álxebra de Boole ou as operacións matemáticas.

O xogo non ensina a escribir programas, senón a dominar as construcións lóxicas que se utilizan na programación, o que despois pode resultar moi útil para aprender a realizar programas de verdade.

[kickstarter: Code Monkey Island]

Máis información: Code Monkey Island – making programming child’s play

Estaremos atentos a que saia!


Suspéndense as Xornadas Scratch+Arduino

Eis unha das primeiras consecuencias da aprobación do Anteproxecto LOMCE: Suspéndense as Xornadas Scratch+Arduino previstas para realizarse o mes de novembro.

No momento en que teñamos algunha garantía de poder continuar incorporando as linguaxes de programación, os sistemas de control e a robótica nos currículos escolares consideraremos a posibilidade de retomar de novo a organización destas xornadas.

Unha mágoa, pero a situación non deixa outra opción.

Máis información aquí


GaliciaScratch comeza a andar!

GaliciaScratch é un proxecto que nace do Grupo de Amigos GNU/Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) nun esforzo de difundir o uso do Software e o Hardware Libre no ensino e introducir o ensino da programación desde os primeiros niveis.

Durante as I Xornadas «Scratch + Arduino», a celebrarse no mes de novembro, ofreceranse charlas, obradoiros, táboas redondas, exposición de proxectos persoais e/ou de aula e serán un lugar de encontro para profesionais do ensino e afeccionados ao mundo da programación e a electrónica.

Estas Xornadas terán continuidade no mes de maio coa celebración dun «Scratch Day» ou «I Día do Scratch», que é unha actividade dirixida ao alumnado que se realiza simultaneamente en cidades de todo o mundo e que ten como obxectivo compartir proxectos e experiencias desenvolvidas con Scratch.

Tedes toda a información en: http://galiciascratch.blogspot.com.es/


S4A: Scratch para Arduino desde Citilab

S4Aicon.pngBuscando información sobre o entorno de programación Modkit do que vos falei onte, atopeime con S4A, Scratch para Arduino, outro sistema que permite a programación de arduino con scratch feito desde smalltalk.cat.

A diferenza de Modkit, que require invitación, neste caso está dispoñible o software e o firmware para arduino, así que xa podedes probalo. Parece que é un proxecto novo, e teñen pensado facer novas actualizacións e engadir documentación, así que se vos interesa estade atentos ás novidades.

Na páxina do proxecto en Citilab, seleccionando “arduino” no menú, tedes máis información e vídeos.


[scratchcitilab on livestream.com. Broadcast Live Free]

Lembra tamén que se pode elixir galego como idioma da aplicación.


ModKit: Entorno de programación visual para arduino

Un dos inconvenientes que lle vexo a arduino para traballar na ESO é ter que poñer aos rapaces e rapazas a picar código, o cal consume moito tempo e esforzo para poder lograr pequenas cousas. Se o comparamos co entorno de programación visual que usamos para Lego non hai cor: enténdense as estruturas básicas de programación de xeito moi rápido e doado e conséguense facer programas de gran complexidade en pouco tempo, xa que nos centramos dos diagramas de fluxo e non na sintaxe.

Pero hoxe atopei en bricogeek.com unha moi boa nova: Modkit, un entorno de programación visual para arduino inspirado no clásico scratch. Está deseñado con HTML5 e orientado a traballar en liña utilizando calquera navegador.

ModKit.jpg

De momento só de accede ao programa baixo invitación, pero haberá que estar atentos e atentas a este software, pois ten moi boa pinta.