Enxeñería inversa

Tódolos anos propoño a algún dos grupos aos que lle dou clase facer un traballo de enxeñería inversa, que ten coma obxectivo obter información dun produto co fin de determinar de que está feito, que o fai funcionar e como foi fabricado.

Dende logo que na ESO esta tarefa simplifícase, e o obxectivo principal é espertar a curiosidade por coñecer o funcionamento básico deses trebellos que nos acompañan nas nosas vidas.

Un recurso moi útil é botar man de xoguetes que o alumnado xa ten abandonados. Ademais de destripalos para investigar sobre o seu funcionamento, as pezas pódense aproveitar para a construción dos prototipos desenvolvidos na aula.

Hoxe microsiervos infórmanos dunha ligazón na que podemos observar o interior de bonecos: mattkirkland.com. Non vola perdades.

bonecos


Escaleira de Jacob

Tódolos anos, despois da construción dos proxectos da ESO, acumulamos no taller unha chea de recortes de madeira. Moitos pódense aproveitar o curso seguinte para fabricar pezas pequenas, pero prodúcense máis dos que podemos reutilizar.

Unha idea para reciclar eses recortes e non ter que tiralos é construír unha escaleira de Jacob. Hai que unir anacos de madeira con cinta, de xeito que ao xirar un dos extremos dá a impresión de que os demais caen en cascada, pero non é máis ca unha ilusión óptica. Podes ver as instrución neste vídeo:


(vía: Créalo tú mismo)

Algunha outra idea para aproveitar tanto recorte?


Cartel luminoso con fibra óptica

cartazUn circuíto intermitente cun led ou dous non queda moi vistoso, e na ESO, para fardar de proxecto, non hai nada como incluír un cartaz luminoso intermitente coma o da foto. Sen embargo conectar tantos LEDs dá bastante traballo.

Hai unha solución interesante utilizando fibra óptica. A luz viaxa polo conducto da fibra óptica sen saír dela ata chegar ao outro extremo.
fibra óptica - refracción

Podemos facer o noso deseño de cartel conectando un dos extremos da fibra óptica nunha matriz de buratos, e o outro extremo de xeito que poida coller a luz que sae dun LED, tal e como se pode ver na seguinte imaxe: (A idea e a imaxe son de Talking Electronics)
matriz de fibra óptica

O LED é a saída do noso circuíto intermitente, que pode construírse cun 555 en funcionamento astable ou cun multivibrador. Se utilizas dous LEDs, como no esquema da figura, podes conseguir unha imaxe en movemento.
555 astable