VII Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na Rúa”

Quen estea en Santiago de Compostela o vindeiro venres 1 de xuño non debe perderse a VII Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na Rúa”, na céntrica Praza do Toural. A mostra está organizada por APETEGA coa imprescindible colaboración do IES Rosalía de Castro.

Coma noutras edicións, exporanse os proxectos realizados polo alumnado na materia de Tecnoloxía da ESO de diversos institutos galegos e haberá algúns obradoiros prácticos nos que os asistentes poderán participar.

Este ano, coma novidade, levaremos algúns antigos trebellos que nos permitirán ser conscientes da evolución da tecnoloxía ao longo do tempo. Poderedes falar por uns teléfonos de manivela, facer cálculos con calculadoras mecánicas, ver como eran os ordenadores dos anos 80 (ZX Spectrum, commodore 64), unha videoconsola SOUNDIC, un amplificador HI- FI de válvulas, e moitas máis sorpresas.

  • Data: 1 de xuño de 2012
  • Lugar: Praza do Toural en Santiago de Compostela
  • Horario: de 17:00 a 20:30 horas
  • Cartel anunciador
  • Díptico

VI Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa”

apetega_VImostra.jpgQuen ande esta tarde por Santiago de Compostela que non se perda a VI Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa” que organiza Apetega.

Trátase dunha mostra de proxectos realizados polo alumnado de tecnoloxía da ESO en diversos institutos de Galicia.

  • Lugar: Praza do Toural. Santiago de Compostela
  • Data: 10 de xuño de 2011
  • Hora: de 17:00 a 20:30 horas

Outras edicións sempre contaron con proxectos do noso insti, pero este ano non poderei ir. A ver o ano que vén …


A cadea da innovación

Nós mergullarémonos nas vindeiras datas na realización doutros proxectos, así que non participaremos nesta convocatoria, pero aquí vai por se lle interesa a outro centro:

lacadenadelainnovacion.pngA cadea da innovación” é unha actividade que ten coma obxectivo principal conseguir que o alumnado de educación secundaria coñeza e promova actividades e iniciativas emprendedoras relacionadas con proxectos de innovación tecnolóxica que permitan mellorar a calidade de vida das persoas.

O alumnado de calquera instituto de Educación Secundaria de toda España deberá desenvolver un proxecto de carácter innovador que permita mellorar a vida das persoas con algún tipo de discapacidade. O proxecto realizarase a través dunha plataforma web creada para a ocasión, establecendo o obxectivo do proxecto, planificando as actuacións, calculando o plan económico, etc. Nunha seguinte fase, o proxecto será enviado a outro instituto participante, cuxo alumnado deberá aportar posibles melloras.

Tedes toda a información en www.lacadenadelainnovacion.com


MechaniCards, tarxetas de felicitación mecánicas

As tarxetas de felicitación clásicas non poden competir hoxe en día coas aplicacións dixitais, a non ser que sexan algo único e orixinal, coma estas chulísimas tarxetas mecánicas deseñadas por Brad Litwin:


[youtube: Introducing MechaniCardsâ„¢]
(Visto en paperforest)

Sabes identificar os mecanismos que fan posible acadar eses movementos?

Na web de Brad Litwin pódense mercar para montalas, pero son algo caras.

Se non queres gastar os cartos, hai tempo falei doutras tarxetas mecánicas con instrucións que podes descargar. Non son tan alucinantes pero tamén molan.


A arte da chafallada electroacústica

O pasado martes estiven no Marco facendo un “Obradoiro para facer un instrumento dun xoguete electrónico“, impartido por Olaf Ladousse, que nos explicou como fai os seus “doorags”.

Desde unha práctica electrónica moi pouco ortodoxa invita á xente a desmontar un xoguete electrónico sonoro e transformar o son substituíndo unha resistencia fixa por outra variable (un potenciómetro, unha LDR, etc). Variando a resistencia varíase a frecuencia do son emitido polo xoguete, obtendo curiosos instrumentos musicais electrónicos.

Eu tiven mala sorte, xa que o xoguete que merquei nun bazar chinés era tan cutre que non había maneira de modificarlle o son (non tiña resistencia), pero o resto de compañeiros e compañeiras si que obtiveron bos resultados. Aquí hai un vídeo con algúns dos proxectos que fixemos ese día:


[youtube: Doorags]

doorag.jpgO procedemento é moi simple:

  • Desmontamos o xoguete
  • Buscamos unha resistencia preto do chip e poñemos o dedo mollado enriba dela para ver se varía o son. Se varía o son xa está localizada.
  • Cortamos as patas da resistencia e soldamos uns cables, onde conectaremos un potenciómetro. (habería que medir primeiro o valor da resistencia para conectar un potenciómetro do rango axeitado)
  • Tamén pódese substituír a resistencia por unha LDR de xeito que o son varíe ao variar a luz incidente.

Para mellorar o instrumento e que nos quede ben chulo hai que quitar o circuíto da carcasa e colocalo noutra. Por exemplo, á dereita tes un doorag feito cunha cafeteira. Tamén podemos substituír o altofalante por un jack para poder conectar o instrumento a un amplificador.

Neste vídeo explícannos como se fai:

[youtube: Cómo fabricar un doorag]

Na web de olafladousse.com podes ver e escoitar algúns dos deseños de Olaf Ladousse.

Paréceme unha idea estupenda para un proxecto de 3º ou 4º de ESO cando comezamos coa electrónica. Xa sabedes, se tedes por casa un instrumento sonoro que non vos importe destripar e transformar traédeo ao taller para convertelo nun doorag. A ver o que nos sae!