Vertedoiro sonoro

Vertedoiro sonoro é unha interesante iniciativa consistente en construír instrumentos musicais con material de refugallo.

vertedoiro.jpgvertedoiro2.jpg

Comparten a súa investigación lixo-sonora explicándonos o material utilizado, os pasos a seguir para construír os instrumentos, imaxes, e tamén, como non podería ser doutro xeito, un arquivo de audio co son obtido para cada instrumento.

Claro que non tódolos instrumentos son inventados por eles. Non podería faltar este tradicional instrumento galego feito con cunchas de vieiras:

vertedoiro_vieiras.jpg

Gústache a música? Proba construír os teus propios instrumentos con cousas que atopes pola casa.

Ligazón ao vertedoiro sonoro


Reutilizando disquetes

Os disquetes sons eses dispositivos de almacenamento de datos que utilizábamos hai anos e que xa son tecnoloxía obsoleta.
Moita xente xa os tirou hai tempo ao lixo, pero se aínda tes disquetes na casa aí van unhas ideas de reutilización:

(Slidemypicks)

Se che gusta pintar, podes utilizalos como soporte para as túas obras, como fai o artista Nick Gentry

E qué che parece reutilizar cassettes?


En Nadal, o cacharreo non está mal

Chegan as vacacións de Nadal, así que hai tempo para facer moitas cousas. Que tal un pouco de cacharreo?

Tes algún trebello ou xoguete vello que xa non funcione? Colle as ferramentas e ábreo!

1. Para investigar como funciona

Por que soa? Por que se move? Por que vibra? Por que quenta? Que fai que cun motor que ten un movemento xiratorio consigamos un movemento lineal?
Pódeste facer moitas preguntas sobre o funcionamento das cousas que nos rodean. Investiga o seu funcionamento mirando no seu interior e buscando en internet.

ps2-controller.jpg

Podes ver aquí uns traballos que fixeron o curso pasado os grupos de diversificación.

2. Para aproveitar compoñentes

Por que tirar ao lixo eses trebellos estragados? No seu interior podemos atopar interruptores, LEDs, motores, pilas, altofalantes, mecanismos, … un montón de cousas que nos poden servir para facer novos obxectos que funcionan.
Se non sabes que facer con eles tráeos ao insti, pois pódennos servir para os proxectos.

frog2.jpg

3. Para arranxalos

En moitos casos, cando se nos escancalla a calculadora, o mando da tele, o secador, o reproductor de mp3, o faro da moto, etc. os arranxos poden ser doados de facer. Pode ser que só sexa un cable solto que se pode volver a conectar ou soldar, que entrase humidade nos contactos e só haxa que limpalos, que o mecanismo estea obstruído, … Se ves que ten arranxo, inténtao!

motor.jpg

Ponte a cacharrear, é un xeito moi divertido de pasar o tempo, pero ollo! fai isto só cos trebellos estragados, e non cos que funcionan (por se acaso).

Veña, felices vacacións!


Robótica cableada

Ando buscando novas ideas para os proxectos de automatismos electrónicos para 4º de ESO, e atopei unha páxina na que mostran moitos exemplos de proxectos feitos con circuítos electrónicos sinxelos: tecnoastro.es

robots_cableados.jpg

A maioría son moi parecidos aos que temos feito outros anos no insti: robot segue luz, rastreador, pegatortas, robot que non cae da mesa, … pero atopei prototipos interesantes nos que utilizan material reciclado de aparellos electrónicos.

Por exemplo, pódense aproveitar os pulsadores dun rato vello de ordenador para controlar o movemento dun pequeno vehículo. É un proxecto sinxelo (para 2º de ESO) pero a idea pódenos servir para utilizar un rato nun proxecto máis complexo de 4º.

cd_raton_01.jpg

Outro interesante é aproveitar un vello lector de CD para construír a porta dun garaxe:

puerta_cd.jpg

No caso que nos mostran a porta está controlada por un ladrillo Lego, pero nós imos limitarnos ao control electrónico non programado, pois coa robótica programada traballemos máis adiante.

Tamén teñen outros proxectos nos que aproveitan as pezas dunha impresora (iso vai ser máis difícil, pois non temos ningunha inservible)

Botádelle unha ollada a estes proxectos, pero para que se vos ocorran novas ideas. Sabedes que prefiro que sexades vós os que inventedes e deseñedes os prototipos que se vos ocorran, anque despois vos axude, xa que valoro máis as ideas orixinais.


Circuítos nas cabazas do Samaín

samain.jpgEste venres no insti celébrase o concurso de cabazas do Samaín.

O taller II de Tecnoloxía estará aberto o xoves 29 no recreo para aqueles alumnos a alumnas que queiran engadirlle un circuíto con luces, son ou movemento á súa cabaza.

Tedes que traer:

  • a cabaza baleira e decorada,
  • unha pila de petaca (4,5 V) e
  • unha bolsa de plástico pequena para protexer o circuíto da humidade do interior da cabaza.

Os compoñentes que necesitedes (interruptores, pulsadores, lámpadas, motores, zoadores, …) deixarémosvolos, pero tedes que devolvelos o venres a última hora de clase ou a semana que vén (se queredes levar a cabaza á vosa casa a fin de semana)

Como os que máis se animan tódolos anos son os rapaces e rapazas de 1º de ESO, que non teñen clase de tecnoloxía, contaremos coa axuda dalgúns alumnos e alumnas de 4º de ESO, que vos ensinarán e axudarán a montar os circuítos e levarán un positivo na nota se fan ben a súa labor de profes.

Circuítos básicos para 1º, 2º e 3º de ESO:

Se queredes colocar varias lámpadas (por exemplo unha en cada ollo), lembrade que deben estar conectadas en paralelo.

O curso pasado un alumno de 1º de ESO fixo unha cabaza moi divertida: Ademais dunha luz interior, púxolle un motor no nariz cun cartón de cores suxeito no eixe, que facía un efecto moi interesante.

emc.jpg paralelo1.gif

Tamén podedes engadirlle son. No taller podémosvos prestar un zoador e un pulsador, pero mirade pola casa, que igual tedes algún xoguete estragado deses que emiten son, como esas bonecas que falan. Pode resultar máis interesante.

paralelo2.gif

Circuítos para 4º de ESO ou bacharelato.

Os alumnos e alumnas de 4º e o de bacharelato xa podedes facer algo virgueiro. Animádevos a poñer a proba as vosas habilidades coa electrónica facendo unha cabaza orixinal.

Que vos parece engadirlle uns ollos intermitentes? (Se queredes que os dous ollos se acendan á vez, só tedes que poñer as dúas lámpadas en paralelo dende o pin 3 ata a masa.)

circ_5552b.gif

Tamén podedes utilizar un sensor de escuridade para que os ollos se acendan automaticamente cando é de noite:

sensor_escuridade1.gif sensor_escuridade.gif

Pensade noutras ideas orixinais e consultádeme para ver se se poden facer facilmente. (O problema é que non imos ter moito tempo)

Para quen se anime:

Que vos parece esta cabaza con LEDs que alumean ao estilo “coche fantástico”?

cabaza.jpg

O deseño é de Evil Mad Scientist Laboratories.

Funciona cunha pila de 9V e utiliza dous circuítos integrados (555 e 4017) que xuntos controlan seis grupos de LEDs. Tedes as intrucións en Evil Mad Scientist Laboratories