Flor autómata

Flor Automata é un proxecto artístico feito con arduino que consiste nunha flor mecánica que reacciona ante a luz exterior, abríndose de día e pechándose pola noite.


[Vídeo en Flickr]

Podémola coller como idea para un proxecto de 4º de ESO.

No faría falta unha estrutura tan complexa, pois pódese facer unha flor con material máis lixeiro e menos laborioso coma o cartón, que debe ir conectado a un mecanismo que eleve e baixe os pétalos (leva, cegoñal, piñón cremalleira, …)

Como en 4º non traballamos con arduino (témolo para bacharelato, en 4º usaremos Lego) podemos substituír o control programado polo control electrónico, utilizando unha LDR como sensor de luz, e un relé que poña a xirar o motor no sentido axeitado. Por exemplo, utilizando o seguinte esquema:

flor_automata.jpg
(podes baixar aquí o circuíto para o simulador crocodile technology)

A vantaxe de facelo con arduino é que podemos regular o peche dos pétalos en función da luz, pechándose máis ou menos. No caso do control electrónico proposto a flor ábrese e péchase completamente, sen quedar nunha posición intermedia.

Podedes ir pensando noutras ideas para un sistema que actúe en función da luz exterior. Se son viables levarémolas á práctica.


Teoría da diversión

A xente de Rolighetsteorin teno claro. Pódese cambiar facilmente o comportamento das persoas facendo que as cousas sexan máis divertidas. Chámanlle teoría da diversión.

Conseguiron, por exemplo, que moita xente elixise subir as escaleiras do metro a pé no canto de coller as escaleiras mecánicas, ou tamén facer que todo o mundo usase as papeleiras para tirar o lixo. Todo iso a cambio de diversión.

Escaleiras musicais: Colocaron uns sensores nos chanzos de xeito que as persoas ao pisar fan que soe unha melodía. Conseguiron un aumento do 66% no uso das escaleiras.


[youtube: Pianotrappan]

Papeleira profunda: Cada vez que se tira un obxecto na papeleira, un sensor detecta a presencia e uns altofalantes emiten un son que semella unha caída libre.


[youtube: Världens djupaste soptunna]

Uns divertidos exemplos que ilustran cómo unha mellora tecnolóxica pode cambiar o comportamento das persoas.

(Visto en alt1040)

Actualización 28/10/2009:

Tamén hai un contedor de vidro ao estilo dun xogo de arcade. Hai que atinar ben e introducir a botella polo burato que ten a luz.


[youtube: Bottle Bank Arcade]


Autómata que camiña

Osamu Kanda é un artista que fai autómatas mecánicos de madeira. Algúns son unha virguería, pero bastante complexos para atopar ideas para os proxectos de mecanismos de 2º de ESO. Sen embargo hoxe vin en The Automata blog un simpático autómata que camiña que podería valer de idea para facer algún proxecto.


[youtube: crawl]

Pode servir de axuda para a montaxe o xerador de plantillas para facer engrenaxes do que falei hai un tempo. Logo habería que experimentar coa colocación e rañura das “patas” ata conseguir o movemento.

Se queres ver outros autómatas de Osamu Kanda podes visitar o seu canal en youtube.


Reciclando cassettes

Vou propoñer un novo proxecto, pero non vai ser para o alumnado de secundaria, monstros do mp3, senón para as persoas que xa temos uns anos e que aínda seguimos almacenando caixas con cintas de cassette que xa non temos onde escoitar, pero que non queremos tirar por nostalxia.

Teño que recoñecer que a min dáme mágoa desfacerme das cintas que me acompañaron durante anos, e tiralas non me parece a mellor opción, así que, buscando alternativas, atopei algunhas ideas que quero compartir.

A que me parece máis interesante é convertelas nun moble, como fixo o deseñador holandés Patrick Schuur cun armario feito a partir de 918 cassettes.

armario-cassettes1.jpg

Tamén hai outras opcións interesantes para facer cunha cantidade menor de cintas:

Pódense fabricar lámpadas,

lampada1.jpg

monedeiros, cintos,

bolsocinto.jpg

caixas,

caixa.jpg

bolsos e vestidos

ghost.jpg

Curioso é o proxecto Ghost in The Machine, de Iri5, no que a cinta magnética onde reside a música abandona a carcasa de plástico para reproducir a imaxe do artista,

ghost.jpg

ou a tipografía Tapeography creada polo deseñador turco Ersinhan Ersin.

tipografia.jpg

Se tes sentido artístico sempre podes facer unha escultura

mark_creegan_2.jpg

Algunha idea máis?

E claro, non podía faltar Kiko Veneno:
“Ponme esa cinta otra vez, pónmela hasta que se arranquen los cachitos de hierro y de cromo al cantar como tú sabes”


[Goear: Kiko Veneno. En un mercedes blanco]


Robot Lego que resolve Sudokus

A min nunca me deu por aí, pero moita xente entretense resolvendo sudokus. É un xeito de pasar o tempo coma outro calquera, pero paréceme máis interesante conseguir que un robot Lego Mindstorms sexa capaz de resolvelos por si mesmo, anque non deixa de ser un pasatempo.

En primeiro lugar o robot escanea o sudoku a resolver, logo calcula os números que ten que escribir e por último escríbeos. Podes velo neste vídeo.


youtube: LEGO Mindstorms Sudoku Solver

De momento non temos as instrucións, pero din na páxina do proxecto que teñamos paciencia, pois van publicalas proximamente.

Do que si teñen instrucións é dun robot que resolve cubos de Rubik, por se queres facer un.

(Visto en Make)