Hai moitas maneiras de conectar dispositivos electrónicos entre si, mediante cables, sinais de radio, infravermellos, e unha variedade maior de conectores, enchufes e protocolos.
A tecnoloxía de comunicación sen fíos Bluetooth utiliza ondas de radio de curto alcance (de 2,4 a 2,48 GHz de frecuencia) Permite comunicacións de ata 10 m e sóese utilizar para as comunicacións entre teléfonos móbiles, PDAs, ordenadores, cámaras, reprodutores de mp3, consolas e outros aparellos.
Componse fundamentalmente de dúas partes: un dispositivo de radio encargado de transmitir e modular o sinal e un controlador dixital que se encarga de procesar a información.
Un dos produtos máis coñecidos que utilizan bluetooth é o auricular sen fíos que nos permite escoitar música sen os molestos cables.
Pero a transmisión de son a curto alcance mediante ondas de radio non é cousa de agora. En 1924, nunha estación de radiodifusión de Chicago xa se utilizaban uns auriculares sen fíos para probar a transmisión dende calquera punto do estudio.
O trebello era un receptor de radio que constaba dunha bobina, un detector de cristal e un condensador de sintonía, que se conectaba a uns auriculares e púñase sobre a cabeza. Dende logo que parece bastante incómodo. (fonte: colgado de las telecomunicaciones)
Podes fabricar ti o teu propio receptor de radio. Na sección de proxectos de electrónica analóxica tes as instrucións.