Vía @mnlvilarinho chégame esta nova publicación en formato de banda deseñada do Valedor do Pobo: Os perigos de Internet (pdf)
A estas alturas dicir iso de “Os perigos de Internet” é como dicir “Os perigos da rúa”. Está claro que saír á rúa pode traer unha serie de perigos: pódenche roubar a carteira, pódete atropelar un coche, podes deixar o bolso esquecido en algures ou incluso podes chegar a falar cun descoñecido nun bar, darlle o teu teléfono e acabar a cousa mal. Todo iso pode suceder, e para evitalo só hai que andar pola rúa con coidado e ter sentido común, pero non tería sentido pretender que os adolescentes queden pechados na casa ou se movan pola rúa da man da súa nai e do seu pai.
Pois o mesmo sucede con Internet. Mentres sigamos tratando a rede como un lugar cheo de perigos e non como o xenial universo informativo e comunicativo nada conseguiremos na educación dos rapaces e rapazas, e máis aínda se os tratamos coma se fosen parvos ou pretendemos que naveguen pola rede baixo supervisión materna e paterna. Ollo, non digo que non haxa que ensinar á rapazada a moverse pola rede con cordura e alentar das consecuencias que poden ter determinados actos (o mesmo que fóra de Internet), só penso que esta non é a forma correcta de facelo. Deben navegar libres, pero sendo conscientes do que fan e do que se debe ou non facer en Internet.
Por desgraza, son moitas as publicacións en diversos formatos que abordan o tema da educación sobre Internet dun xeito similar, e aproveito que teño esta do Valedor do Pobo nas miñas mans para debullala un pouquiño, aínda que podería facer o mesmo con moitas outras . Nesta en concreto atopo cousas que me chaman a atención:
“Pagar o recibo do instituto“. Estamos no ensino público ou privado? Que eu saiba, nos institutos públicos non se lles pasa ningún recibo ás familias. Como moito ha de pagarse o autobús das saídas que se fagan e soe ser pouca cantidade que se recolle en metálico. Non sei, pero tal e como están as cousas hoxe en día, con continuos ataques ao ensino público, isto chéirame moi mal.
“Pasar polo banco“. Hai tempo que funciona realmente ben a banca electrónica. Non hai que pasar fisicamente por unha sucursal bancaria para facer unha transferencia, pois Internet permite facer iso en apenas un minuto e con toda seguridade. Que no cómic se presente a un pai e a unha nai que non están ao tanto do que os seus fillos fan nas redes sociais pode pasar, pero que non usen Internet para nada xa resulta raro. Preséntase Internet como algo que é cousa de adolescentes e que só serve para comunicarse, e que as persoas adultas non usan a rede en absoluto. Non creo que isto reflicta ben a realidade.
[actualización] Como ben indica Lucía nun dos comentarios, o cómic reproduce os clásicos roles familiares sexistas: A nai está na casa regando as plantas mentres o pai chega de traballar fóra. O pai tamén é o que se ocupa do pagamento ao banco.
“Non me estraña que suspendan“. Nesta e nas anteriores viñetas identifícase o uso das redes sociais co fracaso nos estudos. É certo que para un rapaz ou rapaza de instituto resulta moito máis interesante estar a comunicarse coas amizades por Internet que poñerse a estudar un tema aburrido dun libro de texto, pero cando non había Internet tamén buscabamos calquera actividade máis interesante que facer os deberes: xogar coa “maquiniña”, xuntarnos na casa dunha amiga a charlar, saír a facer deporte, falar por teléfono (coa correspondente rifa), escoitar música, escribir cartas, … e non por iso se suspendía. A cuestión está en saber administrar o tempo e en ser responsable, pero a culpa non é hoxe das redes sociais do mesmo xeito que nos anos 80 non se suspendía por xogar co spectrum ou co commodore 64. Hoxe en día nas redes sociais están todos os rapaces e rapazas, os que aproban e os que suspenden, os que sacan boas notas, regulares e malas.
“Os móbiles están prohibidos“. No cómic dáse por feito que os móbiles están prohibidos nos centros de ensino, ignorando que non sempre é así e que cada vez hai máis xente cuestionándose esta prohibición e mudando as normativas dos centros, facéndoas máis flexibles. Non me vou repetir agora, pois xa contei hai tempo a miña opinión ao respecto en educacontic. Non se trata de permitir que o alumnado se dedique na clase a tuitear sobre o partido de fútbol do domingo no canto de traballar, senón de regular os usos que un dispositivo móbil pode ter nun centro de ensino, moitos deles moi educativos.
“Fóra de clase“. Desde logo que moi pedagóxica non é a medida. Non penso que sexa unha forma de solucionar os problemas, nin me parece acertado que se poña como exemplo do comportamento que debe ter un docente. Ademais, nunha publicación que se supón educativa o papel dun docente semella que nada ten que ver con educar ao alumnado no uso da rede. Vaia!, menos mal que está o Valedor do Pobo para educar ao alumnado no mundo de Internet, pois o profesorado non sabe ou ten que se dedicar a outras cousas :-(
“Mándallas, non pasa nada“. Paréceme necesario que se fale dos perigos do sexting e do grooming. Porén, penso que é un erro limitarse a falar disto, pois son casos moi minoritarios, e pode dar lugar a que as familias que non son usuarias das redes interpreten que estas son prácticas habituais, metendo máis medo do debido.
Penso que a identidade dixital e a privacidade na rede son temas que hai que abordar de forma máis global e completa, pois sóese ver entre a rapazada bastante inconsciencia en moitas actuacións, e cústalle discernir entre o que pode ser público e o que debe manterse no ámbito privado. Falar unicamente dos casos máis graves, como o que lle sucede á rapaza do cómic, e non abordar outro tipo de comportamentos non creo que axude á educación dos rapaces e rapazas que xa teñen claro que non se debe enviar a un descoñecido unha foto na que se está espida, que son a maioría.
“Aquí creo que pode quedar moi ben“. Para ser unha publicación de 2013 véxoa bastante desfasada. Hai anos, cando a única maneira de conectarse a Internet era a través dun ordenador de mesa ou portátil coa conexión á rede contratada no fogar, esta medida podería se útil para controlar (en parte, pois sempre estaba a casa do colega ou o ciber para escapar dos pais), pero hoxe en día, cando a maioría dos adolescentes teñen conexión a Internet no teléfono móbil, resulta absurda. Desde logo que a solución non é eliminar o acceso a Internet desde o móbil e volver ao pasado. Internet está aí, vano usar sempre, e prohibir o acceso non educa.
“Fareivos os meus amigos para que poidades ver todo o que fago“. Paréceme estupendo que a nai e o pai sexan amigos dos seus fillos e fillas e vexan todo o que fan e contan, pero hai que recoñecer que non é o habitual. Na infancia é así, pero ao chegar á adolescencia a maioría das persoas desexan ter o seu espazo de intimidade e non compartir coa familia todo o que pensan. Aquí todas, incluídas as persoas que deseñaron esta publicación, tivemos 15 e 16 anos, e podemos lembrar como daquela reclamabamos o noso espazo privado. A única solución aos problemas de mal uso das redes é esta?
Que facer?
Non vou unicamente a criticar, así que vou propoñer unha alternativa. Velaquí varias pautas que na miña opinión deben terse en conta na educación sobre Internet:
- Presentar sempre Internet como algo positivo, cheo de vantaxes, e non como unha fonte de perigos, pois do contrario a mensaxe pode producir rexeitamento nas persoas ás que vai dirixida.
- As persoas son intelixentes, e non parvas. Nin todos os rapaces e rapazas son uns inxenuos aos que se lles pode enganar facilmente, nin todos os pais e nais están completamente fóra de órbita descoñecendo o mundo virtual. Isto non quita que haxa cousas que se deban difundir e dar a coñecer para mellorar a protección tanto dos menores como dos maiores de idade, pero sempre respectando a súa intelixencia.
- Os problemas de conduta, dentro e fóra da rede, soluciónanse mediante a educación, a toma de conciencia, a adquisición dunha actitude respectuosa e educada, etc., pero non mediante a prohibición nin mediante o medo.
- Débense ter en conta as características da tecnoloxía actual e do uso que a xente nova fai dela, tentando ter unha visión de futuro, pois do contrario transmítese unha mensaxe obsoleta e inaplicable, facendo que o discurso perda solidez.
Agardo que este artigo sirva para a reflexión e o debate. Que opinades?