A impresora 3D capaz de imprimir edificios

Sen dúbida, é o momento das impresoras 3D, que están a revolucionar a fabricación de obxectos. As impresoras 3D son máquinas capaces de crear pezas volumétricas a partir dun deseño feito por ordenador superpoñendo capas de material.

O revolucionario do tema é que os consumidores temos a oportunidade que fabricar os nosos propios produtos, cousa que ata agora estaba reservada ás fábricas. Se dispoñemos dunha impresora destas podemos fabricar calquera pequeno obxecto de uso cotiá, máis ou menos personalizado, producir unha peza estragada que non atopamos no mercado ou deseñar e construír as formas que imaxinemos. Hai tempo falabamos aquí de como montarse unha para un centro de ensino.

Porén, cando se fala de impresión 3D non debemos pensar unicamente en pequenos obxectos de plástico. Tamén é posible imprimir edificios!

Iso é o que están a probar na University of Southern California cunha impresora 3D xigante que bota chorros de formigón seguindo un patrón deseñado por ordenador, e aseguran que pode construír unha vivenda en 24 horas. Supoño que se refiren só a estrutura, pois unha vivenda non consta unicamente de paredes e hai que contar coas instalacións eléctricas, de auga, saneamento, calefacción, etc. que levan máis tempo.

A tecnoloxía chámase Contour Crafting, e pode revolucionar a industria da construción ao permitir automatizar o proceso, abaratando custos. O robot encargaríase de construír a estrutura, deixando para os humanos o traballo fino das instalacións. Ademais, a técnica de impresión permite construír formas creativas e exóticas que polos medios tradicionais sería moi difícil facer, polo menos sen dispararse o orzamento.

Nestes vídeos podes ver como é o proceso:

[youtube: Why Design Now?: Contour Crafting]

[youtube: Animation of Contour Crafting in whole house construction (high res)]

 

Máis información: contourcrafting.org

Visto en:  innovation.uk.msn.com


Non son simples camións, son robots.

Na mina de cobre Gabriela Mistral, en Chile, traballan 17 camións volquete para transportar o mineral do xacemento. Ata aquí todo normal, como en calquera mina. A peculiaridade é que estes camións traballan de forma completamente autónoma. Son camións-robot programados para executar tarefas e percorrer rutas predeterminadas e precisas, e posúen sensores para responder ante imprevistos, por exemplo, cando se atopan un obstáculo ou persoa no seu percorrido.

Os camións son modelo Komatsu 930E4, teñen unha capacidade de 290 toneladas métricas e unha potencia de 2.700 cabalos de vapor. Neste vídeo podes ver como funcionan:

[youtube: Imágenes camiones autónomos, Minera Gaby]
(Visto en fayerwayer)


Quinteto de corda robótico

Hoxe é venres, así que imos animar esta fin de semana cun pouco de música. Hoxe traemos un quinteto de corda robótico que é capaz de compoñer e interpretar melodías de forma autónoma.  É obra de Wilfried Stoll e un equipo de enxeñeiros da firma Festo. Aquí tedes o vídeo:

[NewScientist: Robotic instruments compose and perform tune]

O sistema escribe música ao escoitar a un intérprete tocar unha melodía nun xilófono ou nun teclado MIDI.

Unha computadora é capaz de crear unha reinterpretación da melodía descompóndoa en diferentes partes para cada instrumento. Para facelo utiliza unha serie de normas derivadas do xogo do matemático John Conway, Game of Life.

O sinal procesado resultante transmítese ás cordas robóticas: Un actuador eléctrico móvese cara arriba e cara abaixo da cadea para producir o ton correcto e un cilindro pneumático move un martelo para facer vibrar a corda.

Os robots poden escoitarse os uns aos outros, xerando novas variacións do tema orixinal.

A instalación ten o único propósito de demostrar como un sistema manual pode ser substituído por unha rede de robots autónomos. O equipo busca agora automatizar os procesos baseados na teoría evolutiva para transformar as fábricas do futuro. Xa nos informaremos do que se vai acadando, pero de momento quedámonos coa música.

(Visto en alt1040)
 

Se o teu é a música algo máis cañeira, podes ver unha banda de robots interpretar «The Beautiful People» de Marilyn Manson.


Música robótica

Se queres crear un grupo musical e non tes con quen, móntate unha banda robótica e asunto solucionado. E non penses que iso soa mal. Mira este vídeo da canción “The Beautiful People” de Marilyn Manson interpretada por EOL Robot Band.

[youtube: EOL Robot Band covers The Beautiful People by Marilyn Manson]

Non faltará moito para que poidamos asistir a un concerto robótico completo. Todo se andará.

Aproveito para dicir que este sitio estará parado un tempo e será sometido a algunhas reformas. Co comezo do curso en setembro volverá a coller ritmo.

Pasade unhas boas vacacións!


Felices vacacións… tamén para os robots

Xa rematou o curso, así que deséxovos que pasedes unhas estupendas vacacións e que cheguedes a setembro coas pilas cargadas.

E non sodes só os estudantes os que ides estar de relax. Os robots tamén van tomarse un descanso este verán con diversas actividades de ocio.

Xogan ao fútbol:


[youtube: robocopa]

Xogan ao billar:


[youtube: PR2 Robot Plays Pool]

Resolven sudokus:


[youtube: LEGO Mindstorms Sudoku Solver ]

Xogan ao xadrez:


[youtube: Monster Chess – One Game]


[dailymotion: Chess]

Xogan ao hockey sobre mesa:


[youtube: Flexis AC Demonstration]

Aprenden a tocar instrumentos musicais:


[youtube: Robot Violinist]


[youtube: Demo Violí MIDI i Metallòfon MIDI al Sonarmàtica 2010]

Xogan ao Baseball:


[youtube: Baseball Batting Robot]


[youtube: Baseball robots]

Veña, a pasar un verán entretido!