Autómatas e robots, antes confinados en fábricas, universidades e centros de educación secundaria, abren paso cara o mundo exterior e introdúcense nas galerías de arte. Un exemplo é ArtBots, exposición internacional de arte robótica na que participantes de todo o mundo amosan as súas creacións artísticas baseadas na automatización e na robótica.
Robots que responden a estímulos externos ou que interactúan coa xente, autómatas mecánicos que realizan movementos hipnotizadores, música producida pola acción da luz ou do movemento no exterior ou implementación de sistemas físicos en resposta a acontecementos virtuais son exemplos do que se está a facer no mundo da “tecnoarte”.
O seguinte vídeo amosa a mostra Artbots 2008 que tivo lugar en Dublín no mes de setembro.
Entre as obras expostas hai unha que podería ser un proxecto na ESO, pois trátase dun automatismo sinxelo que non necesita programación: Solar egg
A peza consta de catro circuítos solares que almacenan enerxía e que activan mecanismos que fan chocar cáscaras de ovo, utilizando o proceso de carga e descarga dun condensador electrolítico. A secuencia obtida depende da luz incidente e das diferenzas entre os distintos circuítos.
Aquí podes ver o vídeo
Poderíanse facer adaptacións desta idea e substituír os compoñentes mecánicos por outros electrónicos que dean diferentes tons, e conseguir facer un instrumento musical solar.