Concurso Espacial 2010. Navegación por satélite.

concursoespacial.jpgNa edición deste ano o Concurso Espacial ten como lema a navegación por satélite. Está dirixido a estudantes de segundo ciclo de ESO, bacharelato e ciclos de formación profesional de grao medio.

Pódense presentar traballos de robótica espacial, investigación, experimentación, narrativa-banda deseñada e animación, sempre en relación co tema deste ano. O prazo de presentación é dende o 1 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2010.

Os equipos gañadores poderán participar nun campamento espacial de 10 días en Madrid e Granada, que inclúe obradoiros de robótica, construción de cohetes, observación astronómica, coloquios con persoas expertas en ciencia e tecnoloxía, visitas a estacións da NASA e ESA e ao parque das ciencias de Granada. Dende logo que o premio ten moi boa pinta.

Máis información en www.concursoespacial.com


O teu nome no satélite Glory

Glory é un satélite que partirá cara unha órbita terrestre en xuño de 2009 e cuxa misión será estudiar os efectos das partículas na atmósfera e a influenza do Sol no clima da Terra.

Se queres que o teu nome viaxe co satélite só tes que rexistrarte na páxina Your Name Around the Earth. O teu nome, que será gravado nos sistemas informáticos de abordo, xirará en órbita durante os vindeiros anos.

Eu xa teño o meu certificado:
Certificado

A verdade é que isto non serve para nada, pero fai ilusión… :-)

(Fonte: El País)


Satélites

Sputnik1. Primeiro satélite espacial. 1957Hoxe saíu unha nova sobre dous novos satélites que vai construír España. Isto fíxome preguntarme cantos satélites hai arredor da Terra. En internet atopei que segundo unhas estatísticas da NASA no ano 1994 había un total de 23000 satélites en órbita. Supoño que 13 anos despois, e dado o gran avance das tecnoloxías da comunicación nesta última década, o número de satélites será moitísimo maior hoxe en día.

Hai un applet da NASA que permite ver en 3D a posición actual de moitos satélites, a súa órbita, o seu nome. Paréceme curioso.

Pero non todo son satélites en funcionamento. Só o 5% dos obxectos que temos en órbita son satélites activos. O resto é o chamado lixo espacial, constituído por satélites inactivos, naves espaciais e fases de cohetes, fragmentos de satélites, e algún que outro destornillador perdido por un astronauta. Estímase que hai arredor de 2000 Tm de obxectos artificiais a menos de 2000 km da Terra. Podes saber algo máis con esta aplicación flash do xornal El Mundo.

(Actualización) Imaxe xerada por ordenador da Axencia Espacial Europea na que se amosa o lixo espacial en órbitas preto da Terra. Atopada en Futuro, ciencia e tecnoloxía.
lixo espacial