Simplificación por Karnaugh e simuladores dixitais online

Agora que andamos a voltas coa electrónica dixital en 2º de Bacharelato, pásovos unhas aplicacións que vos poden axudar.

Karnaugh Map 1.2 é unha sinxela aplicación para simplificar funcións lóxicas por Karnaugh. Tedes que introducir os valores da saída na táboa de verdade e o programa dános a función simplificada. (funciona para windows XP)

kmapfull.gif

Algo máis completo é Boole-Deusto, xa que ademais de simplificar a función a partir da táboa de verdade dános o circuíto lóxico e a implementación con portas NAND e NOR. Resulta algo farragoso traballar con el, pero temos as solucións completas dos exercicios (sempre e cando a táboa de verdade estea ben feita, claro)

boole_deusto.png

Para obter a función lóxica dun circuíto dixital hai unha aplicación online moi sinxela: Logic Circuit Test. Só hai que dibuxar o circuíto, e xa temos a táboa de verdade correspondente.

logic_circuit_test.png

Para simular circuítos podemos utilizar moitas aplicacións, como o crocodile technology, que xa coñecedes, ou o Electronics Workbench.

Se os circuítos son sinxelos e non queremos complicarnos podemos recorrer a simuladores online.

The Logic Lab é un vistoso simulador online moi doado de manexar. Permite gardar os circuítos para seguir editándoos.

logiclab.jpg

Tamén podedes probar Logicly.

logicly.jpg

Tamén hai simuladores de construción real de circuítos. A verdade que a min dáme máis traballo simular a construción que construír o circuíto nunha protoboard, pero por se a alguén lle interesa existe unha aplicación que simula unha protoboard coas súas entradas e saídas e onde conectamos as portas lóxicas reais: Simulador TTL con Escenarios
Tamén podemos descargar un titorial e varios circuítos de exemplo.

simulador_real.jpg

Todo isto é para axudaros a entender as cousas, pero lembrade que a selectividade e as probas de acceso a ciclos fanse aínda con papel e boli, así que non deixedes de practicar coa clásica ferramenta de escritura.

Podes ver aquí máis anotacións sobre electrónica dixital


Simulador de circuítos en Java

Para traballar na ESO non hai simulador de electrónica mellor có crocodile technology, anque tampouco hai que desprezar outros.

Hoxe atopei en make un simulador de circuítos en Java. Arríncase nunha fiestra do navegador e contén moitos circuítos de exemplo co seu correspondente sinal no osciloscopio.

java_circuit_simulator.jpg

Para interactuar cos interruptores, sinais lóxicas, etc só hai que clicar neles.
Pódense cambiar os valores dos compoñentes facendo clic co botón dereito sobre cada elemento e seleccionando “editar”.

Ir á web do simulador

(Visto en Make)