Antes e agora: Como cambiaron esas cousas que nos rodean

Antes e Agora é un dos traballos que fixo este curso o alumnado de 4º de ESO.

antesagora.jpg

O obxectivo fundamental foi investigar sobre a evolución tecnolóxica que sufriron esas cousas que nos rodean e que usamos día a día e reflexionar sobre a importancia de tecnoloxía na mellora da nosa vida, facéndoa cada vez máis cómoda.

Dedicámoslle moi pouco tempo á realización deste traballo (2 horas de clase e algo de traballo na casa), pero maila iso creo que o resultado non está mal, pois foron moitos alumnos e alumnas os que incorporaron fotografías e vídeos propios de cousas que teñen na casa vendo a evolución do que teñen máis preto.

Por exemplo, podemos ver como se elaboraba o pan, antigamente a man e agora con maquinaria industrial, con fotos e vídeos caseiros. Tamén a evolución dos ferros de pasar, das cociñas, das aspiradoras, … e incluso dos váteres.

Observaron tamén que todos estes trebellos electrónicos coma os teléfonos móbiles, consolas, monitores ou os dispositivos de almacenamento de información aos que tan acostumados están non teñen tantos anos, ou descubriron que as calculadoras non foron sempre electrónicas como as que temos agora, ou que antes había que pinchar unha agulla para poder escoitar música.

Non faltou ao final unha reflexión moi imaxinativa sobre como seguirán evolucionando estas cousas nun futuro, pero quedou isto sen incorporarse ao traballo. Mágoa non telo engadido e volver dentro duns anos para ver se se cumpriron as predicións.


A historia do mundo a través dos obxectos

History of the World é un recurso realizado pola BBC e o Museo Británico que se centra na historia do mundo a través dos obxectos que fabricamos, dende as primeiras ferramentas de pedra ata a telefonía móbil. Os obxectos son os que se atopan nos museos británicos, así que podemos botar en falta moitas cousas.

historyoftheworld.gif

Mediante unha aplicación flash podemos acceder aos diferentes obxectos segundo a súa época. Clicando no que nos interese accedemos a máis información, fotos e vídeos.

Tamén podemos buscar obxectos por temas (por exemplo, ciencia e tecnoloxía), cultura, material de fabricación, cor, etc.


Non temas ás máquinas … excepto a Terminator

Ás máquinas non hai que terlles medo, só hai que tratalas con respecto. Están feitas para axudarnos, facernos as tarefas máis doadas ou ofrecernos servizos imposíbeis sen elas.

Sen embargo hai moita xente que non se fía delas, ten medo de usalas, non as entenden ou consideran que só complican as cousas.

Nunha estación de tren en Londres, despois de ver como moita xente prefería facer cola antes que usar unha máquina expendedora de billetes, decidiron poñer este cartel:

dontfearmachines.jpg
[Flickr: Don’t fear the machines]
“Non teñas medo das máquinas, excepto de Terminator”

É un xeito orixinal de animar á xente, pero o máis importante está da man da tecnoloxía, do deseño industrial: a usabilidade.

Para que a tecnoloxía chegue á poboación non é suficiente que o funcionamento da máquina sexa correcto. O interface persoa-máquina debe ser atractivo, intuitivo e doado de utilizar, e debe adaptarse a todas as persoas.

(Visto en nopuedocreer)


Teoría da diversión

A xente de Rolighetsteorin teno claro. Pódese cambiar facilmente o comportamento das persoas facendo que as cousas sexan máis divertidas. Chámanlle teoría da diversión.

Conseguiron, por exemplo, que moita xente elixise subir as escaleiras do metro a pé no canto de coller as escaleiras mecánicas, ou tamén facer que todo o mundo usase as papeleiras para tirar o lixo. Todo iso a cambio de diversión.

Escaleiras musicais: Colocaron uns sensores nos chanzos de xeito que as persoas ao pisar fan que soe unha melodía. Conseguiron un aumento do 66% no uso das escaleiras.


[youtube: Pianotrappan]

Papeleira profunda: Cada vez que se tira un obxecto na papeleira, un sensor detecta a presencia e uns altofalantes emiten un son que semella unha caída libre.


[youtube: Världens djupaste soptunna]

Uns divertidos exemplos que ilustran cómo unha mellora tecnolóxica pode cambiar o comportamento das persoas.

(Visto en alt1040)

Actualización 28/10/2009:

Tamén hai un contedor de vidro ao estilo dun xogo de arcade. Hai que atinar ben e introducir a botella polo burato que ten a luz.


[youtube: Bottle Bank Arcade]


paraSITEs

Onte, falando cunhas compañeiras do frío que fai e do mal que o deben de estar pasando as persoas que dormen na rúa, acordeime dun post publicado hai pouco en inicios.es, un interesante espazo que investiga as interseccións entre a arte contemporánea e o activismo político e social.

No post en cuestión fala dos “parásitos” (paraSITEs) de Michael Rakowitz, que son construcións de polietileno, bolsas de plástico e celo que están construídas para aproveitar a enerxía calorífica que sae dos sistemas de ventilación para ofrecer un refuxio quente a quen non teña un teito para protexerse.

michaelRakowitz2.jpg

Rakowitz repartiu diversos prototipos a máis de trinta persoas sen fogar en Boston e New York provocando dúas reaccións interesantes. Por unha banda, algúns usuarios vírono como un modo de reclamar o seu lugar na cidade. Por outro, o resto de veciños comezaron a temer que os parásitos reproducísense dada a súa evidente utilidade, o número de persoas sen fogar nestas cidades e o sinxelo do sistema.

MichaelRparaSITE.JPG

Paréceme unha interesante intervención tecnoartística de aproveitamento enerxético, e unha forma útil (polo menos para os “senteito”) de chamar a atención sobre unha realidade social.