Queda moi pouco para que comece o curso e, coma sempre, empezaremos falando da tecnoloxía. Moitas preguntas podemos facernos: Que é, que abrangue, como se traballa, cales son os seus produtos, que repercusións teñen na nosa vida e na sociedade, …
Moito se fala de tecnoloxía nestes tempos, pero chama a atención a confusión existente entre a ciencia, a técnica e a tecnoloxía na maioría das intervencións que proveñen de todos os ámbitos, e especialmente preocupantes resultan as confusións presentes nos currículos e materiais escolares en referencia a isto, pois dificultan enormemente a educación sobre estes temas. Verei se algún día me poño a debullalos detidamente. Polo de pronto neste artigo intentarei falar da tecnoloxía e das súas relacións coa ciencia e a técnica.
A tecnoloxía
A Tecnoloxía pódese definir como o conxunto de coñecementos e técnicas que, aplicados de forma lóxica e ordenada, permiten ao ser humano modificar a súa contorna material ou virtual para satisfacer as súas necesidades.
Para resolver un problema ou satisfacer unha necesidade, as persoas transformamos a natureza deseñando, fabricando ou creando novos produtos e sistemas que fan a nosa vida máis doada e poñéndoos a disposición da sociedade. Logramos alumear as nosas casas e cidades, desprazarnos a altas velocidades, voar, escoitar música almacenada nunha pequena memoria, comunicarnos a grandes distancias en tempo real, xogar en rede, sacar fotografías e vídeos, programar robots para realizar tarefas diversas, compartir datos en internet, construír longas pontes e miles de exemplos máis. Todo ese mundo artificial é produto da tecnoloxía.
Ciencia e tecnoloxía
As relacións de interdependencia entre ciencia e tecnoloxía son moi elevadas, sen embargo os campos de actividade dunha e da outra son moi diferentes.
O campo da ciencia responde ao desexo de coñecer e comprender racionalmente o mundo que nos rodea, o que leva a investigar cientificamente os fenómenos que nel se producen. O resultado da investigación son as publicacións científicas e o incremento do coñecemento.
O campo da tecnoloxía responde ao desexo das persoas de transformar o seu entorno, buscando novas formas de satisfacer as súas necesidades, o que leva a desenvolver novos obxectos e sistemas para poñelos a disposición da sociedade.
Relacións entre ciencia e tecnoloxía
Non son poucas as persoas que defenden que a tecnoloxía non é máis cá “ciencia aplicada” aos procesos de produción, definindo a tecnoloxía como algo subordinado á actividade científica. Sen embargo trátase dun dos tópicos máis estendidos sobre a natureza da actividade tecnolóxica. Basta recordar que moitas tecnoloxías básicas relacionadas coa vivenda, transporte ou alimentación desenvolvéronse antes de que existise a ciencia ou se coñecesen os principios científicos que explicaban o seu funcionamento.
É certo que na actualidade a tecnoloxía utiliza coñecementos científicos, entre outras moitas cousas, pero tamén cabe dicir que a ciencia tamén utiliza a tecnoloxía, pois é imprescindible para avanzar na investigación. A relación non é de subordinación, senón de complementariedade e interdependencia. Hoxe en día non é posible o desenvolvemento tecnolóxico sen o avance nos coñecementos científicos, así como tampouco é posíbel facer ciencia sen o aporte dos equipos e sistemas necesarios para a investigación.
A creación de tecnoloxía proporciona novas ferramentas e sistemas para a ciencia coas que estudar novos conceptos, avances científicos que á súa vez contribuirán a xerar novas tecnoloxías. Deste xeito ciencia e tecnoloxía fanse complementarias e, xuntas, fan avanzar á humanidade. Tecnociencia é o nome que se lle dá a actividade conxunta entre ciencia e tecnoloxía nun contexto social.
Relacións entre técnica e tecnoloxía
Desde un punto de vista xeral, a técnica é o conxunto de procedementos que teñen como obxectivo obter un resultado determinado. Tamén podemos dicir que se trata dos procedementos postos en práctica ao realizar unha actividade (construír algo, efectuar unha medición ou unha análise, tocar o piano, etc).
A técnica abarca os coñecementos técnicos e as ferramentas, mentres que a tecnoloxía ten en conta ademais os coñecementos científicos, a estrutura sociocultural, a infraestrutura produtiva e as relacións mutuas que xorden.
Na técnica está o “como” facer, mentres que na tecnoloxía están ademais os fundamentos do “por que” facelo así.
I+D+i
É moi común nos medios ler que se refiren unicamente á ciencia cando se fala de I+D+i, ocultando a compoñente tecnolóxica. O termo I+D+i refírese a Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica.
- Enténdese por investigación a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico. Corresponde ao campo de actividade da ciencia.
- Enténdese por desenvolvemento a fabricación de novos materiais ou produtos ou o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas existentes. Corresponde ao campo de actividade da tecnoloxía.
- Enténdese por innovación ao conxunto de actuacións tecnolóxicas, organizativas e económicas cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción.
STEM
STEM é un acrónimo en inglés de Science, Technology, Engineering e Mathematics que serve para designar as disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Estas disciplinas son consideradas fundamentais para as sociedades tecnoloxicamente avanzadas, pois a educación nestes campos de STEM contribúen a conseguir unha maior competitividade, unha maior prosperidade económica e constitúe un claro índice da capacidade dun país para obter un crecemento sostido.
En definitiva, ciencia e tecnoloxía na actualidade van xuntas, alimentándose mutuamente, e resulta alarmante o retroceso educativo que supón a LOMCE ao cambiar a “Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía” por “Modalidade de Ciencias” deixando as materias tecnolóxicas no plano da optatividade e reducindo a súa carga horaria, ou eliminando a tecnoloxía das materias da vía de ensinanzas académicas de 4º de ESO. Non só iso, nos currículos básicos elaborados a correr polo Ministerio de Educación atópanse un elevado número de incongruencias relacionadas co tratamento da ciencia e a tecnoloxía en todos os niveis educativos. Noutro artigo, se atopo tempo para poñerme, intentarei falar delas en profundidade.
Referencias:
- Wikipedia: tecnoloxía
- Wikipedia: tecnociencia
- La ciencia, la técnica y la tecnología. Aquiles Gay.(pdf)
- STEM Education Coalition