Ignorancia tecnolóxica e poder

“Creamos unha civilización na que os seus elementos máis cruciais dependen profundamente da ciencia e da tecnoloxía. Tamén arranxamos as cousas para que case ninguén entenda de ciencia e de tecnoloxía. Esa é unha receita para o desastre. Talvez salgámonos coa nosa un tempo, pero tarde ou cedo esta explosiva mestura de ignorancia e poder vainos a voar a cara.”
Carl Sagan

(Visto en Aula Geek)


A ciencia e a tecnoloxía españolas non necesitan tesoiras

TijerasNO_galego.jpgAnte a redución do orzamento para I+D+i que plantexa o goberno, a iniciativa da Aldea Irreductible estendeuse como a escuma por Internet: Hoxe, 7 de outubro, centos de blogues de todo o estado publican un post baixo o título “La ciencia en España no necesita tijeras” denunciando a pésima situación na que pode quedar investigación científica cunha redución orzamentaria.

Este blogue, como non, únese á iniciativa, pero non sen certos cambios. En primeiro lugar, falarei de I+D+i e incluirei a tecnoloxía, esquecidas na iniciativa inicial, que só fala de ciencia e de I+D.

Coa miña contribución tratarei de explicar que é a ciencia, que é a tecnoloxía e que é iso da I+D+i

Ciencia e tecnoloxía

A Ciencia é o conxunto de coñecementos obtidos mediante a observación e o razoamento, sistematicamente estruturados e dos que se deducen principios e leis xerais.

O campo da ciencia responde ao desexo de coñecer e comprender racionalmente o mundo que nos rodea, o que leva a investigar cientificamente os fenómenos que nel se producen. O resultado da investigación son as publicacións científicas e o incremento estruturado e sistematizado do coñecemento.

ciencia.png

A Tecnoloxía defínese como o conxunto de coñecementos e técnicas que, aplicados de forma lóxica e ordenada, permiten ao ser humano modificar a súa contorna material ou virtual para satisfacer as súas necesidades.

O campo da tecnoloxía responde ao desexo das persoas de transformar o seu entorno, buscando novas formas de resolver problemas e satisfacer as súas necesidades, o que leva a deseñar e desenvolver novos obxectos e sistemas para poñelos a disposición da sociedade.

tecnoloxia.png

Ollo ante un dos tópicos máis estendidos sobre a natureza da tecnoloxía: A tecnoloxía non é ciencia aplicada. Iso sería o mesmo que dicir que a ciencia é tecnoloxía aplicada. Vamos, que como se van estudar as partículas subatómicas sen unha obra de enxeñería coma o LHC?

As motivacións, as actividades e os produtos resultantes da ciencia e da tecnoloxía difiren substancialmente entre si, pero as relacións entre unha e outra son intensas, funcionando coma un binomio inseparable. Non é posible o desenvolvemento tecnolóxico sen o avance nos coñecementos científicos, así como tampouco é posíbel facer ciencia sen o aporte dos equipos e sistemas necesarios para a investigación. Tecnociencia é o nome que se lle dá a actividade conxunta entre ciencia e tecnoloxía nun contexto social.

I+D+i

O termo I+D+i refírese a Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica.

Enténdese por investigación a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico. Corresponde ao campo de actividade da ciencia.

Enténdese por desenvolvemento a fabricación de novos materiais ou produtos ou o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas existentes. Corresponde ao campo de actividade da tecnoloxía.

Enténdese por innovación tecnolóxica ao conxunto de actuacións tecnolóxicas, organizativas e económicas cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción.

IDi-3.png

Algunhas das accións estratéxicas actuais da I+D+i en España desenvólvense nos campos da saúde, a biotecnoloxía, a enerxía, as telecomunicacións e sociedade da información, a nanociencia e nanotecnoloxía, ou o desenvolvemento de novos materiais e procesos industriais.

Unha diminución do orzamento en I+D+i non só afecta á actividade científica, senón que abrangue a ciencia, a tecnoloxía, a industria, a economía e, por suposto, a toda a sociedade.

Enténdese que en época de crise haxa recortes orzamentarios, pero se pensamos no futuro, non apostar pola educación, a ciencia e a tecnoloxía pode supoñer unha seria hipoteca para o país.

( Hashtag para seguir esta iniciativa en Twitter: #TijerasNO)

Actualización 24/10/2009:
Mª Luz Congosto realizou unha recompilación de tódolos posts unidos a esta iniciativa. Podes consultala en barriblog.com.


Remind Me

Se nos paramos a pensar en tódolos obxectos que usamos e en tódalas accións que realizamos dende que nos levantamos ata que nos deitamos podemos aumentar a nosa consciencia sobre o mundo tecnolóxico que nos rodea.

O obxecto máis simple é o resultado dun complexo proceso produtivo, e simples accións como prender unha luz, tirar da cadea ou viaxar nun transporte público son posibles grazas a unha serie de infraestruturas que se poñen ao noso servizo.

Coñecer a tecnoloxía axúdanos a ser persoas críticas no seu uso nun entorno cada vez máis artificial, no canto de actuar como consumidoras pasivas e inconscientes.

Unha aproximación dánola este vídeo da canción “Remind Me” do grupo Royksopp. Mediante unha serie de infografías vai amosando instalacións e procesos no entorno da protagonista.

[Remind Me from Röyksopp on Vimeo.]

O vídeo é do ano 2002, e en todo este tempo a tecnoloxía non parou de evolucionar. Que cousas pensas que faltarían no entorno da protagonista se vivise na actualidade?


IV Mostra de proxectos “Tecnoloxía na rúa”

Por cuarto ano consecutivo, APETEGA organiza a mostra de proxectos “tecnoloxía na rúa“. O alumnado e profesorado galego amosa os traballos realizados durante o curso nas aulas de tecnoloxía.

Será o venres 6 de xuño na Praza do Toural, en Santiago de Compostela, de 17:30 a 19:30 horas. Máis información na web de apetega.

Se es profesor ou profesora de tecnoloxía anímate a participar levando proxectos, e se non o es, achégate a botar unha ollada.

Aquí tes uns vídeos das edicións anteriores:

Mostra 2006:

Mostra 2007:


A tecnoloxía comeza na túa cabeza

A tecnoloxía comeza na túa cabeza

Imaxe obtida de sincita, colectivo que realiza intervencións en espazos abertos en Barcelona e varias cidades arxentinas, utilizando textos obtidos de foros, blogs e listas de correo. Defenden que a palabra que circula na web 2.0 permite producir pensamento, escribir e re-escribir na denominada internet social. Internet sae á rúa. (Grazas Chelucana pola foto)

“A tecnoloxía comeza na túa cabeza”

Que nos queren dicir con esta frase?

– “A Tecnoloxía só é importante cando temos unha idea, un plano de como usala” é un comentario da entrada en sincita.
– “Antes de conectar un circuíto hai que conectar as neuronas” é algo que lles digo ós meus alumnos e alumnas.
– “Sen creatividade, ideas, non é posible facer tecnoloxía” afirmamos as persoas amantes do deseño, da invención, da solución creativa dos problemas técnicos.

Admítense máis interpretacións …