tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Prohibir tecnoloxía?

teléfono móbilO últimos acontecementos relacionados coa gravación de agresións en teléfonos móbiles e posterior difusión por parte de menores de idade abriron un debate tanto nos centros de ensino como nos medios de comunicación. “Hai que prohibir os teléfonos móbiles nas escolas!” Propugnan moitas persoas. De feito en moitos centros a dirección xa se apresurou a dicir “está prohibido o uso de móbiles neste centro”, por non dicir que certas comunidades autónomas teñen imposta esta norma dende as consellerías de educación.

Eu pregúntome: Que culpa terán eses trebellos?
A tecnoloxía por si mesma non é boa nin mala. O que pode ser bo, malo, moral, inaxeitado, un acto delictivo ou non, etc. é o uso que se faga desa tecnoloxía, pero non a tecnoloxía. Se o problema é que se podan gravar imaxes e vídeos, por que non prohibir as cámaras de fotos e de vídeo que temos nos centros? Se o problema é que se suban imaxes a Internet, por que non prohibimos Internet? Dende logo que iso non tería sentido.

Propoño un pouco máis de reflexión antes de poñer normas á lixeira. En todo caso a norma nun centro podería ser “está prohibida a utilización de móbiles no centro para actividades non educativas” ou algo similar, sempre matizando que tipo de uso non está permitido, pero non prohibir unha ferramenta que pode ser útil para milleiros de actividades educativas.

condensador electrolíticoUn teléfono móbil pode ser unha ferramenta máis no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Por que non? Por exemplo, un traballo que propoño tódolos anos é que o alumnado elixa un trebello de uso común (un motor eléctrico, un disco duro, un rato, un bolígrafo, un adaptador dun móbil, etc.) o desmonte para analizar cómo funciona e elabore un traballo no que se explique a súa composición e o seu funcionamento, utilizando un procesador de textos, unha presentación de diapositivas ou unha pequena web, dependendo do nivel. No proceso de análise do obxecto de estudio o alumnado vai sacando fotografías do mesmo, e como non temos cámaras dixitais para todos, utilizan os seu teléfonos móbiles. Estas fotografías trátanse con diversas aplicacións de tratamento de imaxes e incorpóranse aos traballos, que logo pódense publicar en Internet.

Para a elaboración da memoria dun proxecto de tecnoloxía tamén utilizan os móbiles para ir sacando imaxes do proceso de construción. Cando o prototipo está máis ou menos rematado e funcionando tamén utilizan os seu móbiles para filmar un vídeo e incluílo na memoria. Estas imaxes e vídeos constitúen uns recursos gráficos complementarios a outros como o bosquexo inicial, os planos de conxunto, os esquemas electrónicos, ou a explicación do funcionamento. E tamén poden subir a youtube o vídeo do seu prototipo para compartilo e amosarllo a outras persoas.

Tamén poden utilizar a calculadora que soen ter incorporada, utilizar o servizo sms para introducir entradas nun blog, e infinidade de cousas que se vos podan ocorrer. De feito, cada ano que pasa os teléfonos móbiles incorporan máis aplicacións útiles que podemos aproveitar para ensinar calquera materia do currículo.

Sexamos máis críticos coas informacións que nos transmiten os medios de comunicación. Sorpréndeme un titular nun xornal no que se lía “as imaxes da agresión ao menor de Boiro publicáronse en Internet”. Por que a nova non indica que as imaxes da agresión ao menor de Boiro difundíronse en tódalas cadeas de televisión? Parece que o problema está no medio de difusión, na tecnoloxía utilizada para difundir as imaxes, pero non na propia agresión, feitos que non debemos permitir e ante os que hai que actuar e, sobre todo, educar.…