4 de novembro: A Ciencia e a Tecnoloxía en Galego!

Hoxe, 4 de novembro, en moitos colexios e institutos celebramos a Xornada pola Ciencia e a Tecnoloxía en Galego, facendo ver que a nosa lingua é perfectamente válida e rica para expresar e difundir ciencia e tecnoloxía.

No IES Primeiro de Marzo de Baiona xuntámonos os departamentos de Tecnoloxía e Bioloxía, coa axuda do departamento de Galego, para facer un Mega-Revoltallo de Termos. Mi madriña! non pensei eu que fósemos chegar a tanto!

Podédelo ver aquí:
[youtube: Revoltallo de termos] [Música: Ruxe-Ruxe. Buratos e Non te entendo, do álbum Na Fura de Diante ]

Moitísimas grazas a tódolos institutos que participaron na colleita de termos a través do formulario desta web. Pasamos dos 200 termos!
nube_revoltallo
O formulario non se vai pechar, así que seguirá aberto para que sigamos engadindo vocabulario técnico na nosa lingua e traballar con el. Aínda hai moito traballo por facer, pois a galipedia está bastante baleira. Ademais tamén prometera uns xogos en liña cos termos recollidos, pero non tiven tempo de poñerme con iso. Queda pendente.

Millóns de grazas pola vosa participación, tanto polas vosas achegas ao formulario como na complexa tarefa de recortar, emparellar e empapelar as paredes. Agardo que isto sirva para aprender un pouquiño máis.

Máis información: Revoltallo de Termos.


Revoltallo de termos. A tecnoloxía en Galego.

Xa está en marcha a “Xornada pola Ciencia e a Tecnoloxía en Galego” do 4 de novembro, unha xornada dirixida dende o ensino a toda a sociedade galega, para defender a idoneidade do uso do galego nas áreas científico-tecnolóxicas, comunicarlle á sociedade o orgullo de expresar ciencia e tecnoloxía en galego e divulgar experiencias científicas e tecnolóxicas pensadas e desenvolvidas en galego.

En coordinación coa CENDL e apetega, tecnoloxia.org súmase coa actividade “Revoltallo de termos. A tecnoloxía en Galego“, iniciativa que pretende dar a coñecer e difundir vocabulario técnico existente na nosa lingua, perfectamente válido para expresar e difundir tecnoloxía.

cartaz

Nunha primeira fase calquera persoa pode participar a través dun formulario aportando aquela terminoloxía en galego utilizada no campo da tecnoloxía. Animádevos a participar!

Nunha segunda fase, coincidindo coa celebración da Xornada pola Ciencia o 4 de novembro, poderá utilizarse este léxico recollido nas actividades que se organicen en cada centro de ensino. Hai algunhas propostas, e vós tamén podedes participar enviando as vosas suxestións.