Como se constrúen as vías do tren

Agora que andamos a voltas coas obras do AVE non está de máis saber como se constrúen as vías.

Seguindo perfectamente os planos trazados polos topógrafos, comézase poñendo uns puntos de marcaxe que delimitan a área de traballo. Unhas máquinas encárganse de botar balasto, ou pedras de roca silícea que serve para absorber a tensión e o ruído do paso do tren e drenar a auga de choiva.

Enriba da capa de balastro colócase unha vía temporal pola que circularán os vagóns encargados de transportar e colocar as travesas e vías definitivas. As travesas, fabricadas de formigón, serven para manter constante a distancia entre os raís delimitando o ancho da vía, e actúan tamén coma illantes eléctricos.

Unha vez colocadas as travesas, vanse colocando e amarrando os raís e outros equipamentos técnicos, e cando está todo rematado fanse unha serie de probas de estabilidade e de carga antes de que se lle dea o visto bo para o paso dun tren.

Neste vídeo pódese ver como cambian unhas antigas vías por outras novas:


[youtube: Werktrein in Overpelt.wmv]

(Vía: Un correo do meu pai)


O tren que non para

Entre os maiores problemas que teñen os trens de alta velocidade atopamos a demora producida nas paradas intermedias que alongan o tempo da viaxe e o gasto enerxético na deceleración e aceleración do tren en cada estación.

Co fin de reducir o tempo e o gasto enerxético, o deseñador chinés Chen Jianjun presenta unha solución enxeñosa: que o tren non se deteña. A idea é introducir unhas cabinas que se acoplan e desacoplan ao tren cada vez que pasa por unha estación.

Cando chegas á estación hai que subirse a unha cabina. No intre en que o tren pasa pola estación a cabina previamente acelerada acoplarase ao tren e tranquilamente os pasaxeiros poderán ir acomodándose no interior.

Para baixarse do tren hai que subirse na cabina que leva acoplada, e cando pasa pola estación só ten que desenganchala para que os pasaxeiros baixen dela.


[youtube: The train that never stops at a station]

En resumo, cada vez que o tren pasa por unha estación solta unha cabina cos pasaxeiros que queren baixar e recolle outra cos que queren subir, e dese xeito o tren nunca para, aforrando tempo e enerxía.

Calcúlase que con este sistema o tren que une Pekín con Guangzhou, separadas 2.475 kilómetros e con 30 paradas intermedias, reduciría dúas horas e media o seu percorrido.

(Vía: un correo do meu pai)