Erros na produción

Unha das fases máis importantes na fabricación dun produto é o control de calidade, cuxo obxectivo é detectar a presencia de erros na produción e asegurar que os produtos fabricados cumpran cuns requisitos específicos e que sexan satisfactorios no mercado ao que van destinados.

A detección de erros previsibles soe estar automatizada. Mediante sensores e sistemas de visión artificial podemos detectar erros nos produtos para separalos antes de que se empaqueten para a súa comercialización. Por exemplo, nunha fábrica de cápsulas de café utilízanse unhas cámaras e un software de visión artificial para analizar o enchido e comprobar o selado despois do enchido. (Imaxes de blog.infaimon.com)

En moitos casos non chega cunha inspección “visual” e cómpre separar unha mostraxe dos produtos fabricados para realizar diversos ensaios sobre eles que verifiquen que as características sexan óptimas (ensaios de dureza, resiliencia, etc.)

A pesar de todo isto, en moitos casos ás fábricas escápanselles algúns produtos con erros de fabricación, sobre todo se aforran no proceso de control de calidade.

Errors in Production é unha curiosa colección de Heike Bollig que recompila produtos con erros na súa fabricación. Se tes algún por casa, agradéceche que llo deas a coñecer para ampliar a mostra.

 

Podes ver máis erros en produtos e outra información en Errors in Production


A visión artificial

imaxe de blog.infaimon.com

O outro día vimos na visita de eficienTIC como mediante unha cámara web e un software especial somos capaces de recoñecer caras e distinguilas doutras.

Neste caso usábano para detectar se a persoa usuaria dun ordenador está traballando nel ou non, e decidir segundo iso se manter acesa a pantalla ou apagala para aforrar enerxía. Tamén valía para permitir o uso dese ordenador só a unha persoa determinada recoñecida polos seus trazos faciais, e non a outras, mellorando a seguridade do sistema.

O propósito da visión artificial é programar un ordenador mediante complexos algoritmos para que sexa capaz de interpretar unha escena determinada.

As aplicacións disto son moi variadas: estudo do tráfico, movemento de persoas, bacterias, detección de defectos en froitas, detección da posición de pezas fabricadas, medición de magnitudes físicas e moito máis.

No seguinte vídeo podemos ver uns exemplos de utilización da visión artificial:

[Robot readable world from Timo on Vimeo.] (Vía: Quo)

Aínda que non te deas conta, se miras unha cámara filmando algo, seguramente estará conectada a un ordenador con algún software de visión artificial. Pensa, por exemplo, na detección de matrículas nos aparcadoiros.

Se queres saber máis sobre visión artificial non te perdas blog.infaimon.com