Xeradores de corrente eléctrica

Un xerador é un dispositivo capaz de transformar a enerxía mecánica en enerxía eléctrica. Utilízase na maioría de centrais eléctricas para producir a electricidade que chega ás nosas casas. O seu funcionamento baséase en que cando movemos un condutor no seno dun campo magnético xérase unha corrente eléctrica por indución.

Se facemos xirar unha espira nun campo magnético prodúcese unha forza electromotriz (f.e.m.) inducida nos terminais, e unha corrente eléctrica no condutor.
A tensión eléctrica obtida a través do anel colector e a vasoiriña en cada extremo da espira ten unha forma senoidal, e a súa frecuencia dependerá da frecuencia de xiro.

Xerador de corrente continua:

Os extremos da espira conéctanse mediante unhas vasoiriñas cun anel dividido en dous. Deste xeito a corrente sempre circulará no mesmo sentido, obténdose corrente continua pulsante.


[aplicación flash]

Xerador de corrente alterna ou alternador:

No caso dos alternadores, o contacto realízase a través de dous aneis continuos, de xeito que a corrente producida vai cambiando de sentido de forma alternada. Estamos producindo corrente alterna.


[aplicación flash]

Aquí tedes un vídeo explicativo:

[youtube: xerador eléctrico]

Se queredes ver un xerador eléctrico caseiro non vos perdades o tinglado con bicicletas que fixeron no IES Laxeiro de Lalín.

(as animacións son de www.animations.physics.unsw.edu.au e pódense descargar para utilizar en educación)


Xogo: Little Wheel, o xerador eléctrico principal

Había unha vez un mundo habitado por robots. Un día aconteceu un grave accidente no xerador eléctrico principal. Ao quedarse sen subministro eléctrico o mundo caeu nun profundo sono, nada podía funcionar.
10.000 anos despois un raio carga de enerxía a un dos robots. Será capaz de conectar de novo o xerador e devolver a vida robótica ao seu mundo?

Aquí tes o xogo: Little Wheel
little-wheel.jpg

Nós non somos robots, pero imaxínaste como poderiamos vivir se non tivésemos subministro eléctrico? Podes deixar aquí a túa opinión.


Electricidade con bicicletas

Moi interesante esta instalación que fixeron no IES Laxeiro de Lalín. O alumnado do centro tivo que pedalear duramente para producir a electricidade necesaria para a festa do Día das Letras Galegas. Unhas bicis, un alternador, unhas baterías e sobre todo moito esforzo físico para iluminar un festival do máis didáctico. Parabéns!

(Visto en mecanizadofacil.blogspot.com)