tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Teléfonos móbiles que cociñan

O que ves no vídeo é un Fake (‘falso’ en inglés), unha montaxe.

Pois hoxe botárono varias veces no informativo Antena 3 Noticias co titular “Catro móbiles converten o millo en palomitas” e o subtítulo “consecuencias das radiacións”. Sen contrastar a información afirman que “parece que non hai truco”. (Grazas Jordi)

É iso do vídeo posible? Algún truco hai: as palomitas estaban a punto de estallar e colocáronas uns segundos antes, ou pode ser que debaixo da mesa haxa un quentador, ou non sei, pero cos teléfonos móbiles rotundamente non.

Aínda que a transmisión por telefonía móbil se realice mediante microondas, a frecuencia de dita radiación (900-1900 MHz) é diferente á utilizada polos fornos microondas (2400 MHz), que é a que fai vibrar as moléculas de auga do millo e aumentar así a súa temperatura. Os efectos de quecemento térmico da radiación dun móbil é moi inferior á dun forno microondas, pero o máis importante, a potencia do sinal dun teléfono móbil é tan débil que no tempo de exposición deses teléfonos do vídeo contra as palomitas resulta imposible que as fagan estallar. Nin sequera despois dun mes de emisión continua de sinal.

A tasa de absorción específica dos teléfonos móbiles non supera os 2W/kg. Se facedes los cálculos veredes que é imposible, e iso sen contar a dispersión de enerxía no entorno.

O alucinante é que boten este tipo de novas nos informativos da televisión, así, a pelo, e sen contrastar a información. Xa estou vendo a moitas familias facer o experimento na súa casa, ou pensando como se debe cocer a súa masa encefálica cada vez que falan por teléfono :-(

Xa postos, vou difundir eu algo.
Sabedes que lle sucede a un móbil se o metemos no microondas? ;-)


6 Comments

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.