tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Tradutores

tradutorHoxe recibín unha mensaxe dun profesor de tecnoloxía que vive en Granada. Dicíame que lle gustaba moito a web, pero que ó estar en galego non podía utilizala cos seus alumnos.

Eu anímolle a toda a xente que non sexa galega que probe a lectura, pois creo que non é tan difícil de entender. Eu moitas veces levo ós meus alumnos e alumnas a páxinas escritas noutros idiomas. Non é o mesmo que se estivesen en galego, pero valen perfectamente, especialmente se se trata de páxinas con contidos interactivos, pois soen ser bastante intuitivas.

O idioma non pode ser unha barreira, e hai moitos tradutores automáticos en Internet que as eliminan:

Para as linguas do estado está moi ben opentrad. Permíteche a tradución de textos en lingua galega, catalana e castelá. Ten a utilidade de poder navegar por unha web con traducións. Por exemplo, podedes navegar por tecnoloxia.org en lingua castelá.

Outra utilidade interesante é traducíndote, do IES Chan do Monte (Pontevedra), que é un tradutor de documentos de OpenOffice Writer.

Para moitos máis idiomas está google translate.

Eu a verdade é que boto de menos máis material en galego na rede, non vos pasa?.

wikipediaUnha actividade interesante para traballar co alumnado é participar na galipedia publicando artigos de tecnoloxía en galego. Ademais de entender o que é un wiki e aprender a utilizalo, aprenden tecnoloxía ó elaborar artigos desta temática, e contribúen a mellorar a presenza do galego en internet. 3 en 1.


6 Comments

  1. A ausencia de materiais e recursos en galego concorda, na miña opinión, co interese que demostra a Xunta de Galicia polas TIC aplicadas ó ensino. Agora que teño recomplilados uns cantos recursos (practicamente todos procedentes de Andalucía, Madrid, Castela, Canarias, etc.) estou a aplicalos nas clases co meu alumnado de 5º de Primaria. Así que están a aprender con maior atención as Matemáticas e o Coñecemento do Medio en español, xa que os libros (en galego) non espertan tanto o seu interese. ¿Futuro?

  2. Tes razón, a Xunta de Galicia ten moia responsabilidade e moito que facer neste sentido se non quere que Galicia quede atrás, unha vez máis, no ámbito da tecnoloxía en xeral, e no uso das tecnoloxías da información e da comunicación no ensino en particular.
    Eu eliminaría a gratuidade dos libros de texto (só becas para os máis desfavorecidos), e inverter eses cartos en recursos libres en galego na rede a disposición de todo o profesorado.

    Pero non toda a responsabilidade é de mamá administración. Nós tamén temos que participar na publicación de material en galego. Se cada profesor e profesora publicase só un pouquiño do que ten feito atopariamos unha chea de recursos útiles para traballar. A utilización de Internet, e isto hai que ensinarllo ó alumnado, non debe ser unidireccional, só recoller información, senón tamén debemos aportar, publicar, compartir e intercambiar.

  3. Quería preguntarvos si coñecedes algún libro de texto, adaptado a normativa actual, e que se poida catalogar como mínimo coma un bo libro de tecnoloxía, eso si, por suposto en galego.
    O certo é que na comisión pedagóxica adoptouse este acordo, que sexa en galego, e estamos atopar certos problemas xa que a editorial actual que tíñamos, McGraw-Hill, non lle compensa facelo nesta lingua, e outras cas que xa falei tampouco.

    Moitas grazas. Esperando recibir algunha boa nova.

  4. Ola Kiko, no meu centro non usamos libro de texto, pero polo que lles levo preguntando ás editoriais poucas o teñen en galego.
    O de “non compensa” non debería ser unha xustificación das editoriais, e aí debería meterse a consellería, non?

  5. Son profesora de Tecnoloxía fora de Galiza (espero voltar este ano) e andaba buscando unha editorial que teña os libros de Tecnoloxía en galego e topeime con esta paxina. Primeiro felicitar a María por ela e despois comentar que vou mandarlle a varias editoriais, entre outras santillana, que é da que puxen eu os libros no centro aqui en Cantabria, un email comentandolles que se non o traducen, non lles vou poñer o libro. Se teño que dalo todo por apuntes, vouno a facer. Quedame un verán enteiro para elaboralos e así tamen lles aforramos pasta ós pais dos nenos….É flipante a deixadez que teñen co galego. En Cataluña isto non pasa

  6. Ola MªXosé. Grazas polas felicitacións. Quería engarir un problema máis dos libros de texto, aparde de non estar en galego:
    Os da última remexa paréceneme malísimos. Parece un corta-pega feito a correr de de calquera xeito para adaptarse ao novo currículo aprobado o ano pasado. E tamén que non están adapatados para o currículo en Galiza, na que a tecnoloxía dáse en 2º e 3º. En moitas CCAA a tecnoloxía puxéronna en 1º e 3º con 3 horas en cada curso, e os libros están feitos para eses niveis, e non se pode esixir o mesmo en 1 que en 2º ou 3º.
    En fin, nunca me gustou seguir libros de texto, pero con este panorama aínda menos.

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.